Un cento de músicos de todas as idades reuníronse hoxe na área recreativa Agra de Chans para celebrar na Baña a quinta edición da PequeRachada, o encontro de Escolas de Música Tradicional que organiza a ACM Os Campantes e o Concello da Baña, e que xuntou a pequenos e maiores amantes da música galega.

Pola mañá actuaron os membros da Escola de Música Tradicional da Baña, que dirixe Emilio Lois, xunto cos de Riscadeira de Laraño, o Galanciños da Picota e As Xoubiñas de Ultreia. Os aplausos foron constantes para animar ás máis cativas e cativos da EMT da Baña e ás meniñas de Riscadeira, que abriron o encontro interpretando varias pezas.
Despois dun bo xantar ao aire libre, a base de callos e macarróns, pola tarde continuou a festa coas actuacións de Os Viracunchos da OCT Ultreia de Compostela, O Balado de Toques, Sateira de Saiáns, a A.C. Pinguela de Bama (Touro) e a A.C. A Mámoa de Luou.
A boa música animou aos mozos e mozas a bailar e aos maiores a cantar algunhas das pezas que interpretaban os músicos participantes neste quinto encontro que promove a Escola Municipal de Música Tradicional da Baña que dirixe Emilio Lois. Vinte alumnos forman parte da EMT da Baña, na que aprende a tocar a gaita e a pandeireta. Hoxe tiveron a ocasión de amosar os seus progresos dende a última PequeRachada.

Máis fotos no facebook do Concello da Baña

Podes ver un pequeno vídeo do canal de Youtube do Concello da Baña