O pleno da Corporación da Baña aprobou esta mañá por unanimidade solicitar a implantación do ciclo medio de Atención a Persoas con Dependencia no IES Xulián Magariños de Negreira. Deste xeito, a Corporación apoia a iniciativa presentada polo director do instituto, Adelino Pose, para ampliar a oferta educativa no instituto, que xa foi secundada tamén polo Concello de Negreira e outras entidades.

Adelino Pose, que asistiu ao pleno desta mañá, considera que hai demanda suficiente para poñer en marcha este ciclo de grao medio xa no vindeiro mes de setembro. Nestes momentos non hai na contorna ningún ciclo medio para formar a mozos e mozas na atención á persoas en situación de dependencia. “Serían trinta prazas e penso que se cubrirían sen ningún problema”, explicou o director do centro, que engadiu que este ciclo tería unha duración de dous cursos, cunhas dúas mil horas de formación.

O departamento de Servizos Sociais da Baña emitiu un informe favorable a esta iniciativa, porque contribuirá a “mellorar a atención ás persoas en situación de dependencia e porque supón unha oportunidade de saída laboral para a xuventude”. Os tres grupos municipais votaron a favor desta iniciativa.

Cos votos do equipo de goberno (PP) e PSdeG aprobouse unha moción que solicita a equiparación salarial entre guardias civís, policías nacionais, mozos de escuadra (policía catalana) e ertzainas (policía vasca), que foi presentada no concello pola Asociación de Justicia Salarial de la Guardia Civil. O concelleiro de Compromiso por Galicia abstívose.

Á moción de CxG para subir as pensións engadíuselle unha emenda do PP, apoiada polo PSdeG, na que se lle pide a todos os partidos políticos que cheguen a acordos no Pacto de Toledo para garantir o sistema público de pensións.

Tamén foi aprobada por unanimidade a moción do PSdeG reclamándolle a Correos que amplíe o horario de atención ao público na oficina da Baña, xa que agora mesmo é de só unha hora a o día, de luns a venres (de 09.00 a 10.00 horas).