imprimir
Categoría: Cultura e educacion
Visitas: 1502

Duascentas persoas participaron esta mañá na homenaxe que a Asociación de Veciños Nosos Aires lles rendeu aos músicos da parroquia bañesa da Riva. No campo de Carballeira reunironse nenos e nenas, mozos e mozas e persoas maiores para gozar dun día de festa no que a música foi a protagonista. Entre os homenaxeados nesta iniciativa chamada “100 anos de música en A Riva” atopábanse Eduardo Recarey, que aos seus 84 anos segue tocando na Banda de Negreira, e Inés e Silvia Capelo, de 27 e 32 anos, que formaron parte da Banda de Música da Baña.

“Os músicos, tanto os compositores como os intérpretes, son uns artistas que logran,  a través dos seus compases, dar o mellor de sí mesmos, e transmitir todo un sentimento e emoción que sólo se consegue facer a través da música”, indicou José Manuel Ramos Freita, presidente da asociación de veciños e promotor desta iniciativa, que contou coa colaboración do Concello da Baña.

No campo da festa de Carballeira, na parroquia da Riva, deronse cita esta mañá Constantino, Daniel, Manolo Daniel, Ramón C., José García, Sarito, Secundino R., Pepe Cabreso, J.M. Pereira Silva ou José Agustín. Todos eles músicos, algúns aínda en activo, aos que a organización lles entregou unha placa conmemorativa da iniciativa.

Como recordaba o propio Ramos Freita, este acto “é emocionante para todos, porque puidemos revivir a importancia que esta parroquia tivo no seu día, precisamente nun lugar, o Campo de Carballeira, no que os veciños máis vellos recordan que se celebraba unha das feiras máis grandes da comarca de Barcala”.

Os actos comenzaron cunha misa cantada e a sesión vermú animada por Os Campantes da Baña. Despois da comida que ofreceu pulpería Veloso (empanada, polbo a feira e carne ao caldeiro) a Charanga Os Celtas e o dúo Amenal amenizaron a tarde con boa música. Algúns dos homenaxeados tamén se animaron a amosar as súas habilidades.

Na parroquia de A Riva naceron instrumentistas que fixeron carreira en formacións clásicas de música galega coma Los Españoles, Xuntanza, Compostela, Oriente, Dinámicos ou a desaparecida Banda Municipal da Baña. Pianistas, saxofonistas, guitarristas e cantantes, desta localidade barcalesa de pouco máis de cen habitantes partiron multitude de talentos que fixeron carreira tanto en orquestras coma en conxuntos de música moderna, galegos e do estranxeiro.

Ramos Freita non descarta repetir o ano que ven unha iniciativa similar, incluso ampliandoa a toda a comarca da Barcala.

Máis fotos deste evento na páxina de Facebook do Concello da Baña (preme neste enlace)