imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 723

inscricions

O Concello da Baña abre ata o día 10 o prazo de inscrición para participar nun obradoiro gratuíto de regueifa que se desenvolverá por videoconferencia na plataforma Zoom na tarde do 13 de febreiro.

O obradoiro terá unha breve parte teórica, na que se falará de que é a regueifa e se fará un percorrido pola súa historia ata o momento actual; e outra parte práctica, na que as persoas participantes poderán aprender mecanismos básicos para regueifar.

Este taller en liña comezará ás 18:00 horas e a duración será de ao redor de unha hora e media. Impartirao a barcalesa Olalla Liñares, xornalista e docente de Lingua Galega que desde o ano 2017 está vencellada á improvisación oral en verso a través de proxectos como Enreguéifate.

O Concello da Baña realizou unha enquisa virtual coa fin de saber cal era o interese neste obradoiro. Respondeu unha ducia de persoas, once delas maiores de 17 anos. Os menores de 12 anos poden asistir tamén, pero deberán estar acompañados dunha persoa adulta mentres dure o taller.

A enquisa tamén revelou que a maioría das persoas interesadas preferían que o obradoiro se fixese en sábado. Das nove respostas á pregunta de que día da semana elixirían, catro optaron polo sábado, dous polo venres, outras dúas polo xoves e unha polo mércores.

En canto á hora, contestaron dez persoas, con empate a tres entre as 16:00 horas e as 18:00 horas, as opcións máis elixidas.

As inscricións no obradoiro poden facerse tanto por correo electrónico (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.) como por teléfono (607 153 604), indicando nome, apelidos, dirección de correo electrónico e número de teléfono.