imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 575

20200710 Tempos Mulleres WEB

Crear un espazo para que as mulleres da Baña poidan compartir experiencias de vida, sentirse parte dun grupo de iguais, socializar entre elas e afianzar alianzas de amizade é un dos obxectivos que persegue Tempos de Mulleresunha iniciativa promovida polo Concello e que arrancou esta mañá coa participación dunha ducia de veciñas.

Durante sete sesións, que se impartirán os martes e venres de 09.30 a 13.30 horas nos locais da escola de música, a pedagoga e educadora social Ana María García, tamén veciña da Baña,  explicará diferentes técnicas e porá en marcha actividades para axudarlles ás participantes a aprender a ver e experimentar as conexións entre o corpo físico, a mente e as emocións.

Con estas técnicas preténdese mellorar a propia imaxe e a autoestima das participantes, establecendo grupos de apoio e mellorando as habilidades de relación e de comunicación, fomentando a confianza en si mesmas e nas demais. Coa finalidade de fomentar o benestar e o autocoñecemento, realizaranse actividades de xogo, movemento, animación, expresión libre, creatividade, música e relaxación.

Tempos de mulleres está organizado polo Concello da Baña, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, do Ministerio de Igualdade.