imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 721

20200610 Cine aire libre2A Concellería de Cultura da Baña leva o cinema á rúa este verán cun programa de películas ao aire libre. A veciñanza poderá ver en pantalla grande dous filmes dirixidos ao público infantil e outros dous para público adulto, en tres sesións gratuítas programadas para os días 26 de xuño, 17 de xullo e 22 de agosto.

A rúa Tedelle será o escenario o venres, 26 de xuño, das dúas primeiras proxeccións, organizadas polo Concello da Baña en colaboración coa empresa local Sinala Tecnoloxía Visual, que cede os equipos. Ás 18.00 h poderase ver Abominable, un filme de animación que narra as historias dun yeti que logra fuxir dos humanos que o capturaron e da súa amiga Yi, a rapaza que o atopa na azotea do seu edificio e tenta axudalo a volver á casa. Máis tarde, ás 20.30 h, proxectarase a película Mientras dure la guerra, na que o director Alejandro Amenábar conta a historia de como en 1936 o escritor Miguel de Unamuno apoiou a rebelión contra unha República pola que el mesmo loitou pero que o defraudara.

Para o venres 17 de xullo está prevista a proxección de O que arde, mentres que o sábado 22 de agosto o público infantil volverá ser protagonista con Maimiño e o espello máxico. Estas dúas sesións forman parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A fita O que arde, dirixida e coescrita polo galego Oliver Laxe, é un relato sobre a culpa, a dor e a soidade, que narra a historia dun pirómano saído do cárcere que volve á casa xunta a súa nai. Este filme recibiu o Premio do Xurado na sección Unha certa mirada do Festival de Cannes 2019 e o Goya á mellor dirección de fotografía. A autenticidade da debutante Benedicta Sánchez foi recoñecida co Goya á mellor actriz revelación en 2020.

Por último, Maimiño e o espello máxico é a primeira película galego-cubana de animación, unha adaptación do conto infantil Polgariño. Narra a historia dun pequeno labrego que quere sacar a súa familia da pobreza. Unha praga de insectos que lle estragan a colleita e o encontro co espello máxico da media laranxa son os sucesos que o conducirán á aventura.