imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 833

20200305 Bana axencia lectura 8M web

Unha exposición de mulleres relevantes da historia feita polos usuarios e usuarias menores de idade tanto da axencia de lectura como da aula de informática servirá mañá, a partir das 18.00 horas, para iniciar os actos cos que o Concello da Baña conmemora este ano o 8-M, e que inclúe tamén unha xincana temática. O domingo celebrarase, ás 19.00 horas, unha charla coloquio sobre ‘O papel da muller no rural’, na que está confirmada a presenza dunha gandeira e dunha farmacéutica.

A futbolista Vero Boquete, a poetisa Rosalía de Castro, a feminista Concepción Arenal, ou a actriz Marilyn Monroe son algunhas das mulleres que figuran na exposición coa que as usuarias e usuarios menores de idade da axencia de lectura e da aula de informática da Baña estiveron traballando nos últimos días para destacar o papel da muller ao longo da historia.

A exposición poderase ver mañá, venres, a partir das 18.00 horas na axencia de lectura, tamén se inclúen frases de mulleres do municipio relacionadas co 8-M e que foron asinadas por cada unha das autoras. As persoas que se acheguen mañá ata a axencia de lectura poderán participar tamén nunha xincana temática.

Esta actividade vaise complementar o vindeiro domingo, Día Internacional da Muller, cunha charla coloquio que se celebrará na casa da cultura a partir das 19.00 horas sobre ‘O papel da muller no rural’. A gandeira Carmen Turnes Paredes, a farmacéutica María Pilar Gómez Antelo e a odontóloga Ana María Montalbán serán as persoas participantes como relatoras para destacar a importancia que ten a muller no rural galego.