imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 894

CARTEL ANTROIDO webO equipo de goberno da Baña, atendendo as peticións veciñais, decidiu incorporar a categoría de grupo no Concurso de disfraces do Entroido, que se celebrará o 29 de febreiro, e que este ano repartirá 3.750 euros en premios entre as cinco categorías contempladas nas bases: individual (infantil e adulto), grupo, comparsa e carrozas. Para poder participar, os interesados deberán inscribirse antes do xoves día 27 ben de xeito telemático ou presencial nas dependencias municipais.

O desfile comezará ás 16.30 horas e transcorrerá polas rúas Xacinto Rodríguez, Rosalía de Castro e na Praza do Concello. As comparsas estarán compostas por un mínimo de 10 membros que representarán un mesmo motivo, e as carrozas deberán contar tamén cun mínimo de dez integrantes todos eles enriba dun móbil. Os grupos terán de 2 a 9 persoas participantes, representando un mesmo motivo.

A selección de gañadores realizarase a proposta dun xurado composto por persoas alleas ao Concello. No apartado de premios, as tres mellores carrozas e comparsas levarán premios de 1.000, 500 e 200 euros, respectivamente. O mellor grupo recibirá 150 euros e, nas categorías individuais, o premio será de 100 euros tanto para o mellor disfrace infantil como para o adulto.

As bases íntegras do concurso e as fichas de inscrición, pódense descargar na páxina web do Concello da Baña. Todas as persoas menores de idade que desexen participar, ademais de inscribirse, deberán entregar unha autorización asinada pola nai, pai ou titores legais.