20191204 Baña cadete ALI1112

A alumna do CPI San Vicente da Baña Noelia Carnota foi esta mañá a mellor na categoría cadete na fase comarcal do Campionato escolar de Campo a través que organiza a Secretaría Xeral para o Deporte a través da Fundación Deporte Galego en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e o Concello da Baña. Noelia Carnota conseguiu unha praza na fase intercomarcal que se vai celebrar no mes de xaneiro en Noia.

Esta mañá na Baña déronse cita algo máis de 700 alumnos de catro categorías, de benxamín ata cadete, tanto masculinas como femininas, que estiveron correndo nas inmediacións do CPI San Vicente nun circuíto habilitado para estas probas.

Nesta fase comarcal conseguían praza para a intercomarcal de Noia os tres primeiros atletas en cada categoría e os dous primeiros equipos. No caso da Baña, só Noelia Carnota conseguiu clasificarse. 

A concelleira de Cultura e Deportes, Mónica González, foi quen lles entregou as medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace)

20191204 Baña ALI1015 2

20191112 cartel campaña invernoA Deputación da Coruña organiza un ano máis unha excursión á estación invernal de Cabeza de Manzaneda para que os rapaces e rapazas de 11 a 15 anos (cumpridos a 31 de decembro de 2020) fagan esquí entre os días 31 de xaneiro e 2 de febreiro de 2020.

O Concello da Baña conta con 3 prazas para esta campaña de inverno. De haber máis solicitudes que prazas unha vez rematado o prazo de inscrición, levarase a cabo un sorteo público diante do secretario, no que terá preferencia a rapazada que non fose a ninguna campaña de neve da Deputación.

O prezo da excursión é de 85 euros por persoa, que inclúe transporte, estadía e manutención na estación invernal de Cabeza de Manzaneda, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

A inscrición farase no Concello da Baña ata o 4 de decembro de 2019 entregando a folla correspondente á preiscrición. 

Para máis información, visita a páxina web da sección de Deportes da Deputación da Coruña.

20191006 01 ALI9337

O atleta Daniel Paz Pardo, do club boirense Tribu Trail, deu a sorpresa esta mañá ao impoñerse no CMP Trail da Baña aos grandes favoritos, os corredores do Club Atletismo Negreira Rubén Martínez Mayo e Roberto Tuñas, actuais campións e medalla de bronce no Campionato Galego de trail. O atleta do Barbanza necesitou 2:28:48 para completar los 26,5 km do trail longo, e detrás del cruzaban a meta situada en San Vicenzo Roberto Tuñas (2:32:13) e Rubén Martínez (2:35:26). 

En mulleres, a ourensá María Ferreiro Pérez (3:10:15) non lles deu opción as súas rivais. Noly Casal Olveira, do Tribu Trail, entraba unha hora despois da gañadora (4:13:12) e Johana Torres, do K2Ordes, necesitou 4:43:43 para completar o percorrido.

Polo que respecta á proba de 17 km, a clasificación final do minitrail quedou liderada por Miguel Vázquez Grela (1:35:48), seguido de Luis Miguel Antelo (1:37:31) e Víctor Maneiro Freire (1:37:41).  En mulleres, os tres primeiros postos foron para Verónica Noya Serramo, co Club Atletismo Outes, cun tempo de 2:15:11; seguida de Cristina García Beiro (2:15:15), do Ponte Trail, e Patricina Alvarez Rey (2:22:27).

20191006 escaleras ALI9151

Nas dúas probas do CMP Trail da Baña tomaron a saída esta mañá máis de 120 atletas. Nas dúas andainas non competitivas (unha pro de 16 km e outra amateur de 10,5 km), tomaron a saída 148 corredores. A gran maioría destacou o fermoso do percorrido polos montes da Baña nunha xornada na que houbo anécdotas curiosas, e ata quen se animou a participar levando a súa filla ás costas nunha cadeira.

Cinco horas tardaron todos os participantes en facer os diferentes percorridos ata chegar á meta, situada na Praza do Concello da Baña, onde os e as atletas puideron repoñer forzas nun catering gratuíto que contaba con froita e bebida, ademais de cinco bocadillos dun metro de longo cada un preparados por tapería A Esmorga, de Negreira. Fisioterapeutas de Fisiovita atenderon todas as persoas participantes que cruzaron a meta con algunha molestia.

Organizado polo Concello da Baña e GTraM Val de Barcala, o CMP Trail da Baña estivo patrocinado pola marca italiana de roupa deportiva CMP, Deportes Alvite, Talleres Baleato, Gráficas Esteiro, Coca Cola e Emesports.

Ao rematar a proba, procedeuse á entrega de trofeos na praza do Concello aos tres primeiros clasificados en cada unha das categorías. Ademais dos primeiros atletas en cruzar a liña de meta, as clasificacións por categorías quedaron así:

20191006 ALI8835TRAIL CMP A BAÑA

  • Clasificación oficial masculina: Daniel Paz Pardo, Roberto Tuñas González, Rubén Martínez Mayo
  • Clasificación oficial feminina:María Ferreiro Pérez, Noly Casal e Johana Torres
  • Categoría absoluta masculina:Roberto Tuñas. González, Rubén Martínez Mayo e Ramón Mouriño Fresco.
  • Categoría absoluta feminina: María Ferreiro López
  • Veteranos 1:Daniel Paz Pardo, José Manuel Fernández García, Pablo Conde Estévez,
  • Veteranas 1: Noly Casal Olveira, Johana Torres Torres
  • Veteranos 2: Joaquín Álvarez Portela

MINITRAIL CMP A BAÑA

  • Clasificación oficial masculina: Miguel Vázquez Grela, Luis Miguel Antelo Lema, Víctor Maneiro Freire
  • Clasificación oficial feminina (coincide coa categoría absoluta femenina):Verónica Noya Serramo, Cristina García Beiro e Patricia Álvarez Rey
  • Categoría absoluta masculina:  Miguel Vázquez Grela, Carlos Martínez Mayo e Adrián Iglesias Penido.
  • Veteranos 1: Luis Miguel Antelo Lema, Víctor Maneiro Freire, Juan Luna DOmínuez
  • Veteranas 1: Ana Beatriz Blanco López, Ana Sinde Cantorna, Montse Veiga Blanco
  • Veteranos 2: José Suárez Leis, Ramón Collazo Mosquera e Miguel Lestón Fabeiro.

20191014 Post Facebook BTT Cancelacion

O Concello da Baña anuncia a cancelación da III Ruta BTT Filloa da Pedra programada para o domingo 27 de outubro, prevista inicialmente para o 17 de marzo.

  • O equipo de goberno quere dinamizar a zona urbana coa presenza dos atletas

  • Cortadas ao tráfico as principais rúas e convértense en peonís os accesos ao campo de Cartas para que se preparen os atletas 

  • Máis de 100 persoas están xa anotadas para participar nas catro probas do domingo: dous trail e dúas andainas non competitivas

  • O prazo de inscrición remata ás 23.59 horas deste xoves en www.emesports.es

20191001 Trail cortes trafico

Os atletas que participen este domingo no CMP Trail da Baña van tomar a saída na praza do Concello da Baña, onde tamén estará situada a liña de meta, decisión que adoptou o equipo de goberno para dinamizar a capital municipal. Por este motivo pecharanse ao tráfico as principais rúas de San Vicenzo (Castelao, Rosalía de Castro e Dores) durante toda a mañá do domingo, e tamén se prohibirá aparcar na praza do Concello dende as 20.00 horas do sábado ata ás 15.00 horas do domingo, momento no que se levantarán as restricións ao tráfico. Máis dun cento de atletas están xa anotados para participar nas catro probas do CMP Trail da Baña: os dous trails (de 26,5 e 17 km) e as dúas andainas non competitivas (de 16 e 10,5 km). Ata as 23.59 horas do xoves, 3 de outubro, permanecerá aberta a inscrición na web www.emesports.es.

O campo de fútbol de Cartas queda reservado nesta edición para a entrega de dorsais e gardarroupa para os participantes, zona de duchas, catering e o servizo de gardería gratuíta para os e as atletas que participen nas diferentes probas. O aparcadoiro de vehículos estará situado nos arredores do campo de fútbol, e para chegar a el, os condutores que veñan de fóra da Baña deben acceder pola aldea de Paredes, dende a estrada de Santa Comba. A rúa das Dores (que comunica o campo coa praza do Concello) e as rúas López Díaz e Castelao converteranse en peonís para que os atletas poidan adestrar e realizar exercicios de quecemento e recuperación. O Concello da Baña solicita a colaboración da veciñanza para non aparcar os vehículos nestas rúas, e advírtelle que teña en conta a imposibilidade de acceder aos garaxes dende estas rúas entre as 07.00 ás 15.00 horas do domingo.

Inscrición ata o xoves as 23.59 horas

Cando faltan aínda dous días para que se peche a inscrición, máis dun cento de atletas confirmaron a súa participación no CPM Trail da Baña. Entre eles atópase o actual medalla de bronce no Campionato Galego de Trail, e terceiro no CMP do ano pasado, Roberto Tuñas González, membro do Club Atletismo Negreira. Tuñas é un dos inscritos na trail longa, que vai percorrer 26,5 quilómetros polas fermosas paisaxes da Baña o vindeiro domingo. A carreira de montaña da Baña contará tamén cun trail curto de 17 km, e dúas andainas non competitivas, unha de 16 km (pro) e outra amateur de 10,5 km.

O Concello da Baña e o Grupo de Trail e Montaña (GtraM) Val de Barcala, organizadores da proba, contan co patrocino da prestixiosa marca italiana de roupa deportiva CMP e de Deportes Alvite. A inscrición poderase facer a través da web emesports.es ata as 23.59 horas do xoves, día  3.

Nesta cuarta edición do Trail da Baña, a segunda patrocinada por CMP, a proba mantén as características de anos anteriores e contará con dúas distancias: haberá un percorrido de 26,5 quilómetros, cun desnivel de 780 metros positivos; e outro de 17 km, con 500 metros de desnivel. Quen o prefira, tamén poderá percorrer os montes da bisbarra de Barcala participando nas andainas non competitivas proTrail (16 km) e amateur (10,5 km). A organización modificou en gran parte as zonas do percorrido este ano, aínda que deixou a estrutura da edición anterior que segue tendo unha dificultade media no trail e baixa no mini trail.

A inscrición na proba de 26,5 quilómetros custa 15,00 €, mentres que a de 17 quilómetros custa 10,00 €. Para participar na andaina ProTrail hai que aboar 8,00  euros, e 5,00 euros na amateur. A idade mínima para participar é de 16 anos para todas as categorías, nas que os  menores de idade necesitan consentimento paterno firmado e, no caso da andaina amateur, terán que ir acompañados dun titor. A inscrición pode facerse a través da web emesports.es ata as 23.59 horas do vindeiro xoves, día 3.

Cada unha das persoas inscritas, sexa nos trail ou nas andainas, recibirá como agasallo unha bolsa portatodo, un kit de auxilio moi completo e unha cinta para a cabeza doados por CMP, patrocinador principal da proba. O Concello da Baña e GTraM Val de Barcala tamén contan coa colaboración de Deportes Alvite, Gráficas Esteiro (Santiago), Talleres Baleato (Val do Dubra), Coca Cola, e emesports.es para convertir o CMP Trail da Baña nun referente galego das cada vez máis populares carreiras de montaña.

O ano pasado, os tres primeiros clasificados foron Víctor Cousillas, Hamza Belhadj e Roberto Tuñas González, en homes; e María Fabeiro Romero, María Marque e Sonia Botana, en mulleres.

Catering, gardería e fisioterapia gratuítos para participantes

Esta é a cuarta edición do trail que organiza o Concello da Baña, que segue apostando “polo deporte, ven sexa coa organización de diferentes probas, como polo reforzo das escolas deportivas, para fomentar hábitos de vida saudables e o espírito olímpico entre a veciñanza”, indica o alcalde. José Antonio Pereira Gil agradece a colaboración das empresas patrocinadoras, que fan posible que A Baña “siga contando cunha carreira de montaña que quere ser referente dentro do circuíto galego e nos permite amosar as fermosas paisaxes que temos na Baña”.

Os corredores tomarán a saída dende a praza do Concello ás 09.45 (trail) e ás 10.15 horas (andaina). A meta estará situada tamén na Praza do Concello, onde os atletas poderán repoñer forzas ao rematar no punto de avituallamento e utilizar o servizo gratuíto de fisioterapia para facilitar a súa recuperación física. Os participantes deberán recoller os seus dorsais no campo de fútbol de Cartas o mesmo domingo dende ás 08.00 horas. Tamén no campo de fútbol estará a zona de catering, o gardarroupa e a zona de gardería para que os e as atletas que veñan á Baña acompañados das súas crianzas as poidan deixar mentres participan na proba.

O percorrido, que ten unha dificultade media, transcorre polos montes da Baña. Estará sinalizado e contará con tres puntos de avituallamento líquido e sólido (para o trail), e dous puntos para o mini trail. Nas andainas haberá tamén un avituallamento por cada proba. O presidente do GtraM Val de Barcala, Sergio Vieites, aconséllalles aos participantes levar, como material recomendado para esta proba, impermeable, teléfono móbil cargado, vaso e sistema de hidratación propio. “É unha cuestión de prevención, aínda que cada atleta coñece ben as súas posibilidades e xa sabe o que ten que levar”, sinala.

Haberá premios para os tres primeiros da xeral, e de cada unha das tres categorías establecidas para o trail, tanto en homes como en mulleres: absoluta (maiores de 18 anos), veteranos 1 (maiores de 40 anos) e veteranos 2 (maiores de 55 anos).