O Concello da Baña organiza unha xornada formativa de portas abertas para dar a coñecer o xogo do xadrez entre o público adulto. Así, o vindeiro luns 27 de xaneiro a partir das catro da tarde, o profesor de xadrez Alberto Dios recibirá no local social da Baña a todas aquelas persoas que queiran descubrir esta actividade, co obxectivo de pulsar o interese entre a veciñanza de cara a ofrecer o xadrez como actividade da programación municipal para adultos.

Alberto Dios Queiruga é un xogador de xadrez que milita na primeira división deste deporte. Ademais de ter organizado torneos de xadrez na Baña, na actualidade imparte clases extraescolares desta disciplina no CPI San Vicente, como resultado da colaboración entre o centro escolar e o goberno local.

  • Alba e Carla, veciñas de Corneira, foron as mellores das súas categorías en atletismo e ciclismo o ano pasado. 

  • Nicolás, karateca de Ordoeste, ademais do mellor galego infantil quedou segundo no ránking nacional. 

  • O Concello entregoulle un diploma e unha medalla conmemorativa como recoñecemento polos seus resultados e polo seu traballo e esforzo durante o ano pasado. 

 

20200111 ALI1902 2

O Concello da Baña rendeulles hoxe homenaxe aos tres mellores deportistas do municipio que o ano pasado quedaron campións galegos nas súas respectivas categorías e disciplinas: Alba Pérez, Carla Montoiro e Nicolás Carnota. O alcalde e a concelleira de Deportes entregáronlles un diploma e unha medalla conmemorativa como recoñecemento do seu traballo, esforzo e sacrificio que lles permitiu conseguir éxitos destacados. Un traballo e un sacrificio que tamén resaltaron os seus respectivos adestradores.

20200111 Alba Perez 2

Alba Pérez, membro da selección galega de marcha, proclamouse campioa galega sub-18 en 5000 marcha na tempada 2018/2019 e tamén subcampioa galega Sub-16. Pero ese non foi o seu único logro, xa que conseguiu un 3º posto no XXXVI Campionato de Galicia de Clubes sub-20 e no XXX Campionato de Galicia de Marcha en Ruta. Ademais, esta moza veciña de Corneira que milita no Club Atletismo Negreira, foi sexta no IX Campionato de España de Marcha de Inverno de Promoción, e participou o no pasado con moi bo resultado no Campionato de España de Marcha en Ruta. 

O seu adestrador, José Manuel García Estévez, subliñou a “capacidade de sacrificio de Alba, tanto no deporte coma nos estudios”, o que lle permite conseguir bos resultados tanto na pista como no colexio. “Hoxe estaba adestrando a primeira hora antes de vir recoller o premio”, dixo o técnico do Club Atletismo Negreira, que animou aos tres galardoados “a seguir marcándose obxectivos ambiciosos e a seguir traballando para conseguir máis éxitos”.

20200111 Carla Montoiro 2

A súa veciña de Corneira Carla Montoiro é unha promesa do ciclismo galego, segundo destacou o seu adestrador do Club Ciclista Negreira, Amable Suárez Dopico, destacando desta nova deportista o seu “espírito de sacrificio e a capacidade de gozar con este deporte”. Ademais de gañar o Campionato Galego de Contrarreloxo Individual, Carla conseguiu tamén o primeiro posto no Campionato Galego da Regularidade (con 13 vitorias e 5 segundos postos). No seu palmarés o ano pasado figura tamén un segundo posto no Open Galicia e no Campionato Galego de Fondo en Estrada, ademais de ser novena no Campionato de España de Contrarreloj Individual. “Con sacrificio e traballo saen os resultados”, dixo o seu adestrador.

20200111 Nicolas Carnota 2

Nicolás Carnota naceu en Ordoeste, e segundo os seus compañeiros da Escuela de Kárate Akai Kyu de Negreira, está chamado a ser moi pronto campión de España, “se consegue dominar as súas emocións sobre o tatami”, somo sinalou a súa adestradora Ainoa Rodríguez. Nicolás “é un exemplo para os seus compañeiros e compañeiras, sempre con ganar de mellorar e superarse”, engadiu Ainoa Rodríguez.

Coa súa corta idade, Nicolás Carnota xa se proclamou Campión Galego de Kumite Infantil masculino en máis de 45 Kg e conseguiu o primeiro posto na fase final da Liga Nacional Infantil, éxitos que lle serviron para ser recoñecido pola Federación Galega de Karate como mellor deportista no ano 2019. Ademais, durante o pasado quedou segundo no ránking nacional e terceiro na liga nacional de Karate. Un motivo de orgullo para todos os nenos e nenas que acoden a escola negreiresa, que gravaron un vídeo para felicitalo e destacar as súas cualidades.

O acto de recoñecemento celebrouse esta mañá na casa da cultura da Baña, coa asistencia de familiares, amigos e representantes dos tres grupos políticos da Corporación.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí).

Andaina SuspendidaO Concello da Baña decidiu suspender a Andaina Solidaria programada para maná, domingo 22 de decembro, debido a alerta por mal tempo.
Todas as persoas que desexen colaborar co Banco de Alimentos da Coruña poden depositar alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene no Departamento de Servizos Sociais do Concello durante toda a semana. Haberá un lugar habilitado para a sua recollida.

20200111 cartel recepcion deportistas ano 2019 a bañaO Concello da Baña organiza este sábado 11 de xaneiro un acto de recoñecemento ao duro traballo de Alba Pérez, Carla Montoiro e Nicolás Carnota, mellores deportistas do ano 2019. A casa da cultura acollerá este acto homenaxe a partir das 13.00 horas, no que se entregará uns diplomas á atleta, á ciclista e ao karateka.

Alba Pérez, de 17 ano e membro da selección galega de marcha, alzouse como campioa galega sub-18 en 5000 marcha na tempada 2018/2019. Pero ese non foi o seu único logro, xa que conseguiu un 3º posto no XXXVI Campionato de Galicia de Clubes sub-20 e no XXX Campionato de Galicia de Marcha en Ruta. Ademais, Pérez participou en probas de nivel nacional coma o 87º Campionato de España de Marcha en Ruta e o IX Campionato de España de Marcha de Inverno de Promoción con moi bos resultados.

Para Nicolás Carnota o tatami é o seu terreo. Con só 10 anos, este karateka xa conta con logros o de Mellor Deportista do ano para a Federación Galega de Karate e no seu palmarés conta co título de Campión Galego de Kumite Infantil Masculino +45 kg, subcampión no Ranking Nacional e cun ouro na Fase Final da Liga Nacional Infantil, entre outros podios nesta competición.

No caso de Carla Montoiro, ser a campioa galega de contrarreloxo individual e en regularidade, con 13 victorias e 5 segundos postos, e a subcampioa do Open de Galicia e de fondo en carretera son algúns dos méritos que a levaron a ser unha das deportistas do Concello da Baña no 2019 con tan só 16 anos.

Con todo este éxito, estes rapaces bañenses están a deixar o Concello en moi bo lugar e sobre todo, a demostrar que o futuro do deporte galego e nacional é deles.

  • Os participantes deberán achegar produtos alimentarios non perecedoiros ou de hixiene persoal. 

  • No departamento de Servizos Sociais do Concello está habilitado un punto de recollida para todas as persoas que desexen colaborar. 

  • Formulario de inscrición neste enlace (preme aquí)

Adaina Solidaria

 

O Concello da Baña organiza este domingo, 22 de decembro, a primeira edición da Andaina Solidaria, unha iniciativa para colaborar co Banco de Alimentos da Coruña. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente e deberán achegar algún produto alimentario non perecedoiro ou de hixiene personal. 

A saída da andaina darase ás 10.00 horas dende a Praza do Concello. Trátase dunha proba non competitiva e de dificultade baixa, na que os participantes percorrerán 5,5 km por diferentes lugares do municipio.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no Concello da Baña, no teléfono669 368 413 ou no formulario en liña que se atopa neste enlace (preme aquí).

Todas as persoas que desexen colaborar co Banco de Alimentos e non teñan previsto participar nesta andaina pódense achegar ata o departamento de Servizos Sociais, na casa consistorial, onde estará habilitado un espazo para depositar alí alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiene persoal.