imprimir
Categoría: Deportes
Visitas: 219

20181005 trail baña Camisetas

Pedro Nimo e Alberto Carou figuran entre os 300 atletas que este domingo participarán no CMP Trail da Baña, unha carreira de montaña que consta de tres probas: o trail longo, de 27 km con 780 metros de desnivel; unha minitrail de 17 km e 500 metros de desnivel; e unha andaina non competitiva de 10 quilómetros que permitirán ás persoas participantes gozar das excelentes paisaxes da Baña.

Máis da metade dos inscritos competirán nas dúas probas de maior dificultade, 62 deles no trail longo e outros 92 no minitrail. Os atletas tomarán a saída no campo de Cartas ás 09.45 horas. Media hora despois comezarán a andaina non competitiva as 142 persoas anotadas, que percorrerán 10 quilómetros polos montes da Baña.

Organizado polo Concello da Baña e o grupo GTraM Val de Barcala, o CMP Trail da Baña conta co patrocinio de CMP (unha marca italiana especializada en roupa e calzado deportivo), Talleres Baleato (Val do Dubra), Gráficas Esteiro (Santiago), Deportes P. Alvite (Santa Comba), Coca Cola e emesports.es. 

Os participantes recibirán, entre outros agasallos, unha camiseta de CMP e contarán cun servicio de fisioterapia e cátering para repoñer forzas ao final da proba. Todos os atletas terán tamén á súa disposición un servizo de gardería no que deixar aos seus fillos ou fillas.