imprimir
Categoría: Deportes
Visitas: 452

20200427 xadrez 1

Mozos e mozas xadrecistas da Baña, Negreira e Portomouro conformaron o equipo que se alzou coa vitoria no I Torneo Provincial de Xogade de Xadrez, celebrado a través de Internet o pasado sábado 18 de abril. O equipo Xadrez Negreira, no que participaban os veciños da Baña Sergio, Noel e Álvaro, logrou o primeiro posto na categoría Sub 10.

Arredor de 150 nenos e nenas da provincia da Coruña participaron neste torneo en liña provincial en dúas categorías, Sub 10 e Sub 14. A primeira das modalidades disputouse nunha fase única o sábado 18 de marzo, mentres que a Sub 14 tivo unha primeira fase na mesma data e unha fase final o domingo 19, na que se enfrontaron de maneira directa os primeiros catro clasificados.

No cadro de resultados da categoría Sub 10 cómpre destacar o papel do equipo Xadrez Negreira, que con 117 puntos logrou o primeiro posto; seguido polo Círculo Xadrez Narón Sub 10, con 78 puntos; e en terceiro lugar polo Peleteiro Sub 10 e a Escola de Xadrez Brétema, igualados con 68 puntos. A nivel individual sobresaen os 50 puntos acadados por TREX-2010 (Narón), os 42 de Nico-Amado (Negreira), os 30 de Gaelinho (Bertamiráns) e os 30 de HugoDB (Negreira).

Mentres, o podio da categoría Sub 14 conformárono, por esta orde, os equipos Brétema, E.X. Compostela, USC e Bertamiráns. A nivel individual, na primeira fase desta categoría destacan os 36 puntos de Davidbrétema (Brétema), os 34 de Melonovich (USC), os 32 de Hugodomínguez (Bertamiráns), os 32 de Tonxadrez (USC), os 32 de Noelberta (Bertamiráns) e os 30 de NeryCereijo (E. X. Compostela).

O torneo disputouse a través da páxina web lichess.org que, aínda que é gratuíta, precisa inscrición previa.

O profesor e árbitro de xadrez Alberto Dios explica neste enlace os pasos que hai que seguir para inscribirse en lichess: https://1drv.ms/u/s!AgYCZZORv_pNg0VQ_dlYfFus1kdT

Cada sábado hai un novo torneo de xadrez. Así, o vindeiro 2 de maio a cita é co NEGREIRA Arena, ao que se pode acceder neste enlace: https://lichess.org/tournament/29SxWzl4

20200427 xadrez 2