imprimir
Categoría: Deportes
Visitas: 1441

 

20200111 ALI1902 2

O Concello da Baña rendeulles hoxe homenaxe aos tres mellores deportistas do municipio que o ano pasado quedaron campións galegos nas súas respectivas categorías e disciplinas: Alba Pérez, Carla Montoiro e Nicolás Carnota. O alcalde e a concelleira de Deportes entregáronlles un diploma e unha medalla conmemorativa como recoñecemento do seu traballo, esforzo e sacrificio que lles permitiu conseguir éxitos destacados. Un traballo e un sacrificio que tamén resaltaron os seus respectivos adestradores.

20200111 Alba Perez 2

Alba Pérez, membro da selección galega de marcha, proclamouse campioa galega sub-18 en 5000 marcha na tempada 2018/2019 e tamén subcampioa galega Sub-16. Pero ese non foi o seu único logro, xa que conseguiu un 3º posto no XXXVI Campionato de Galicia de Clubes sub-20 e no XXX Campionato de Galicia de Marcha en Ruta. Ademais, esta moza veciña de Corneira que milita no Club Atletismo Negreira, foi sexta no IX Campionato de España de Marcha de Inverno de Promoción, e participou o no pasado con moi bo resultado no Campionato de España de Marcha en Ruta. 

O seu adestrador, José Manuel García Estévez, subliñou a “capacidade de sacrificio de Alba, tanto no deporte coma nos estudios”, o que lle permite conseguir bos resultados tanto na pista como no colexio. “Hoxe estaba adestrando a primeira hora antes de vir recoller o premio”, dixo o técnico do Club Atletismo Negreira, que animou aos tres galardoados “a seguir marcándose obxectivos ambiciosos e a seguir traballando para conseguir máis éxitos”.

20200111 Carla Montoiro 2

A súa veciña de Corneira Carla Montoiro é unha promesa do ciclismo galego, segundo destacou o seu adestrador do Club Ciclista Negreira, Amable Suárez Dopico, destacando desta nova deportista o seu “espírito de sacrificio e a capacidade de gozar con este deporte”. Ademais de gañar o Campionato Galego de Contrarreloxo Individual, Carla conseguiu tamén o primeiro posto no Campionato Galego da Regularidade (con 13 vitorias e 5 segundos postos). No seu palmarés o ano pasado figura tamén un segundo posto no Open Galicia e no Campionato Galego de Fondo en Estrada, ademais de ser novena no Campionato de España de Contrarreloj Individual. “Con sacrificio e traballo saen os resultados”, dixo o seu adestrador.

20200111 Nicolas Carnota 2

Nicolás Carnota naceu en Ordoeste, e segundo os seus compañeiros da Escuela de Kárate Akai Kyu de Negreira, está chamado a ser moi pronto campión de España, “se consegue dominar as súas emocións sobre o tatami”, somo sinalou a súa adestradora Ainoa Rodríguez. Nicolás “é un exemplo para os seus compañeiros e compañeiras, sempre con ganar de mellorar e superarse”, engadiu Ainoa Rodríguez.

Coa súa corta idade, Nicolás Carnota xa se proclamou Campión Galego de Kumite Infantil masculino en máis de 45 Kg e conseguiu o primeiro posto na fase final da Liga Nacional Infantil, éxitos que lle serviron para ser recoñecido pola Federación Galega de Karate como mellor deportista no ano 2019. Ademais, durante o pasado quedou segundo no ránking nacional e terceiro na liga nacional de Karate. Un motivo de orgullo para todos os nenos e nenas que acoden a escola negreiresa, que gravaron un vídeo para felicitalo e destacar as súas cualidades.

O acto de recoñecemento celebrouse esta mañá na casa da cultura da Baña, coa asistencia de familiares, amigos e representantes dos tres grupos políticos da Corporación.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí).