ACTA NÚM. 1 DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA REALIZADA O 29 DE XANEIRO  DE 2014

LUGAR: casa do Concello da Baña

DATA: 29 de xaneiro de 2014

HORA DE COMEZO: 13:30 h en primeira convocatoria

HORA DE REMATE: 14:30 h

ASISTENTES

Alcalde: José Andrés García Cardeso

Concelleiros:

José Manuel Landeira Liñares

Alicia Blanco Sande

Manuel Tourís Fernández

Sandra López Fernández

Roberto Rial Calvo

Francisco Pazos Currais

Sandra López Fernández

Ana Paramos Cebey

José Domínguez Rey

María Pilar Lema Silva

Laurentino Arnejo Ínsua

Secretaria:

Olga Dourado González

ORDE DO DÍA

1. Aprobación acta anterior

2. Dar conta dos Decretos da Alcaldía

3. Nomeamento de dúas novas rúas en San Vicente

4. Nomenclatura de numeración de Monte e A Baña (San Vicente)

5. Actuacións de control:

-Mocións

-Rogos e preguntas

1. Aprobación acta anterior

 

Apróbase, por unanimidade, a acta da sesión anterior que corresponde á extraordinaria de data 23 de decembro de 2013.

2. Dar conta dos Decretos da Alcaldía

O Pleno queda informado das resolucións ditadas pola Alcaldía dende a última sesión ordinaria realizada, de conformidade co preceptuado no artigo 42 do RD 2568/86, do 28 de novembro, aprobatorio do regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

3. Nomeamento de dúas novas rúas en San Vicente

O Pleno da Corporación, por unanimidade, e en consecuencia co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da Corporación, acorda aprobar o ditame da Comisión Informativa de Obras, Infraestruturas, e Urbanismo, de data 27 de xaneiro de 2014 que é do seguinte teor literal:

“1.- Nomeamento de dúas novas rúas en San Vicente

A Alcaldía explica a problemática da numeración, xa que na parroquia da Baña hai dúas rúas que están sen nomear e é necesario facelo antes da numeración; hai unha rúa que vai dar ao Colexio e outra que vai cara Vesía, na denominada paraxe de Fondón.Tamén hai que eliminar os tramos vellos da estrada anterior sitos na parroquia de San Vicente da Baña.

Visto o informe emitido por Secretaría-Intervención con data do 27 de xaneiro de 2014 relativo á rotulación e numeración de dúas rúas e edificios, a Alcaldía formula a seguinte proposta:

Rúa 1: Rúa Fondón, que vai desde a esquina do predio do Concello cara ao camiño que dá a Vesía.

Rúa 2: Rúa do Colexio, que vai dende a esquina onde está a vivenda de Mirta cara ao polideportivo  e ao Colexio.

A concelleira Dª. Ana Paramos comenta que o seu grupo tiña unha proposta pero como son rúas pequenas é mellor poñer uns nomes pouco relevantes.

A Comisión Informativa de Obras, Infraestruturas e Urbanismo acorda, por unanimidade, proporlle ao Pleno do Concello a adopción do seguinte acordo:

Primeiro.Aprobar inicialmente o nomeamento das dúas rúas sitas na parroquia de San Vicente da Baña, do seguinte xeito:

Rúa 1: Rúa Fondón, con referencia catastral 15007A51709032, que vai desde a esquina da finca do Concello cara o camiño que dá a Vesía.

Rúa 2: Rúa do Colexio, con referencia catastral 15007A51709042, que vai dende a esquina coa rúa Tedelle cara o polideportivo  e o Colexio.

Segundo. Expoñer o presente acordo ao público por prazo dun mes mediante anuncio inserido no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello para presentar reclamacións ou suxestións por parte das persoas interesadas, que de non producirse elevarase a definitivo o presente acordo.

Terceiro. Comunicarlle o presente acordo ao Instituto Nacional de Estatística á Xerencia do Catastro e ao Rexistro da Propiedade.”

4. Nomenclatura de numeración de Monte e A Baña (San Vicente)

O Pleno da Corporación, por unanimidade, e en consecuencia co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da Corporación, acorda aprobar o ditame da Comisión Informativa de Obras, Infraestruturas, e Urbanismo, de data 27 de xaneiro de 2014 que é do seguinte teor literal:

2.- Nomenclatura de numeración de Monte e A Baña (San Vicenzo)

A Alcaldía manifesta que a nomenclatura está recollida en función da numeración das casas preexistentes e agora incluíronse tamén as parcelas.

A Comisión Informativa de Obras, Infraestruturas e Urbanismo acorda, por unanimidade, proporlle ao Pleno do Concello a adopción do seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente a nomenclatura de numeración das parroquias de San Vicenzo da Baña e San Mamede de Monte realizada pola empresa de enxeñería e Medio Ambiente PROCAT.

Segundo. Expoñer o presente acordo ao público por prazo dun mes mediante anuncio inserido no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello para presentar reclamacións ou suxestións por parte das persoas interesadas, que de non producirse elevarase a definitivo o presente acordo.

Terceiro. Comunicarlle o presente acordo ao Instituto Nacional de Estatística á Xerencia do Catastro e ao Rexistro da Propiedade.”

A Concelleira Dª. Ana Paramos Cebey pregunta se é soamente o núcleo ou a parroquia da Baña. O Alcalde dille que é toda a parroquia da Baña. A concelleira comenta que lle gustaría que se tivese en conta a proposta de facer unha placa co número, o nome da parroquia, lugar e Concello. A Alcaldía resposta que se traerán unhas mostras para a súa elección.

5. Actuacións de control:

-Mocións

Non se presentaron.

-Rogos e preguntas

A Concelleira Dª. Ana Paramos Cebey formula as seguintes preguntas:

1.- Mándase unha revista ás casas para facer promoción, dende o punto de vista noso, da concelleira e do alcalde, pero non se tratan temas como o das ordenanzas (madeira, plantacións, reciclaxe), é dicir, non se intenta chegar con información útil aos veciños da Baña.

A Alcaldía resposta que, por exemplo, co tema do reciclaxe xa se fixo un tríptico que se repartiu no colexio.

A concelleira de cultura, Dª. Alicia Blanco comenta, que fai un ano, fíxose un taller de reciclaxe con nenos; e na revista do Concello ía algo da reciclaxe referente a esta actividade.

2.- Pregunta como está o tema da madeira, saber si se está cumprindo a normativa porque hai lugares como en Valiña, Marcelle, Cabanas, San Cibrán, San Mamede…nos cales se está sacando a madeira e deixando os camiños desfeitos e a madeira toda tirada pola estrada, en canto ás plantacións estanse plantando na beira da estrada por debaixo dos taludes. 

A Alcaldía resposta dicindo que a parte da normativa hai unha ordenanza que limita as plantacións e de feito están chegando sancións.

O concelleiro D. Laurentino Arnejo pregunta se os madeireiros presentaron fianza.

A Alcaldía resposta que teñen presentado a solicitude.

A concelleira Dª. Ana Paramos manifesta que na estrada de Manle ao Campelo están depositando madeira.

A alcaldía di que os madeireiros vanse concienciando pouco a pouco pero hai que ser conscientes de que os fenómenos climatolóxicas prexudican moito as estradas.

O concelleiro D. Laurentino di que as taxeas están tupidas porque ninguén as limpa.

A Alcaldía di que están atascadas con pedras, en moitos casos, e que ademais chove moito.

3. A praza de Cabanas, non se fixo nada nela non sei si se está pasando do tema ou se estamos esperando a que veña o bo tempo e xa non se arranxa pero mentres estase desfacendo a estrada porque a auga vai toda por ela.

4. As actas de comisión están chegando con dous meses de retraso e unha queixa que vimos mantendo case tres anos e o único que se fai e votarlle a culpa a outros para pasar.

5.As cunetas, seguimos dicindo que non se están limpando e a auga e os arrastres están desfacendo as estradas, despois tamén lle votamos a culpa aos veciños que abren os camiños para pasar a auga cando sabedes que é todo polo vosa incompetencia.

6.Os Usuarios do Pavillón da Baña están descontentos porque non se limpa adecuadamente e manchan a roupa cada vez que veñen ximnasia.

7. Nos baños do Centro de Día de San Mamede entra a auga pola ventá.

8. Mostrar a nosa queixa da mala comunicación cos empregados do Concello, o día dos pinchos de Nadal non sabían que o día 24 de decembro non se traballaba.

A alcaldía manifesta que os traballadores estaban informados pero que tiveron que retirar árbores os días 24 e 31  por causa do temporal.

9. Cabinas escolares que seguen sen limpar.

10. Depuradora de Corneira: para cando porque segundo o alcalde xa tiña que estar aberta.

11. Proposta de obras para arranxar a Ermida, Gosende, Manle, Campelo, Vigobó e en Manle o núcleo está sen pavimentar.

12.Camiño de Trece a Folgueira desfeito pola auga.

13. Agromaior, Vilanova e poderiamos seguir pero ímolo deixar para outro pleno.

14. As fontes públicas e prazas públicas sen limpar como a de Manle, Trece, Vilar de Suso, Cabanas…

15. Por que diminuíu a oferta das actividades deportivas?

16. Queremos  unha xustificación de por que se despediu ao profesor de música no medio do curso deixando aos nenos colgados e pagando as cotas, saber cantos nenos se deron de baixa por esta cuestión e por que hai que indemnizar a unha persoa se o despido é improcedente por un capricho dun concelleiro?.Porque se é así que o pague do seu peto, porque ademais polo que teño sabido non hai expediente de ningún tipo contra ese traballador.

17. Ademais temos comunicación de mais traballadores, non so de Leis, de que un concelleiro trata mal aos traballadores con insultos e ademais, o alcalde ten constancia diso, porque déronlle queixa algúns verbalmente e outros a través de escrito.

18. Traemos unha proposta para que se inclúa nas bases para a contratación de traballadores que sería a dunha proba de estupefacientes, sobre todo se van  estar en contacto con nenos, algo que tamén non deberiamos de estar exentos os concelleiros para maior transparencia co pobo.

E non habendo máis asuntos que tratar, a Presidencia dá por rematado o acto, cando son as 14:21 horas no lugar e na data enriba indicados, do que estendo a presente acta, que asina o alcalde, e eu, secretaria que dou fe.

A secretaria-interventora                                                    Visto e prace

                                                                                    O presidente