• As peticións poden facerse ata o 20 de agosto no caso de pequenas empresas e ata o 30 de setembro nas tecnolóxicas

  • As achegas, que acadan un máximo de 186.000 euros, increméntanse nun 25% se o centro de traballo está radicado no rural

Diseño sin título 11

Dende hoxe pódense solicitar as axudas destinadas ao fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, así como os incentivos ás iniciativas empresariais de base tecnolóxica. As bases da convocatoria publicáronse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes 20 de xullo.

1. Tipos de axuda para as empresas de nova creación:

  • Subvención á xeración de emprego estable (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10).
  • Subvención para a formación (3.000 euros por empresa).
  • Subvención para o inicio da actividade (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10).
  • Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras (achega máxima de 3.000 euros para cubrir os custos das escolas infantís para fillos menores de tres anos).

Sumando as catro axudas, que son complementarias, a contía máxima poderá acadar os 186.000 euros.

2. Tipos de axuda para as empresas de cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT):

  • Subvención á creación directa de emprego estable (de 6.000 a 22.500 euros por posto creado, dependendo da idade, sexo ou titulación das persoas contratadas).
  • Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (máximo de 18.000 euros para todas as contratacións).
  • Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (ata 24.000 euros, segundo os postos estables creados no primeiro ano de actividade).

Todas as axudas son complementarias, polo que unha mesma empresa poderá acceder a unha cantidade máxima de 64.500 euros.

En ambos os dous programas, as achegas incrementaranse nun 25% se a persoa incorporada pertence a colectivos con dificultade de inserción laboral como mulleres, traballadores maiores de 45 anos, emigrantes retornados... Este aumento aplicarase tamén no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural.

As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia. As pequenas empresas de nova creación teñen de prazo ata o 20 de agosto (código de procedemento TR807I), mentres que as de base tecnolóxica poderán pedir as achegas ata o 30 de setembro (código de procedemento TR340E).

Máis información na Axencia de desenvolvemento local do Concello da Baña.