• Rexeitada a proposta de orzamentos para 2021 cos votos en contra do PP (5) e a abstención de CxG (2)

  • A Corporación aprobou o manifesto institucional “a prol do Concello da Baña libre dos parques eólicos”

  • Unanimidade para rebaixar o recibo do IBI a dúas explotacións gandeiras do municipio e modificar o proxecto de pavimentación nunha vía pública en Nantón

 

O Pleno da Corporación da Baña rexeitou onte, cos votos en contra do PP e a abstención de CxG, a nova proposta de orzamentos presentada polo equipo de goberno. O Pleno apoiou ás asociacións de veciños de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte co manifesto institucional A prol do Concello da Baña libre dos parques eólicos. Por unanimidade, aprobouse rebaixar o recibo do IBI a dúas explotacións gandeiras do municipio e para modificar o proxecto de pavimentación dunha vía pública en Nantón.

O alcalde levou onte a pleno unha nova proposta de orzamentos para o presente exercicio, que actualiza os ingresos e modifica algunha partida de gastos respecto da presentada ao pleno de febreiro e que fora retirada da orde do día. José Antonio Pereira defendeu que esta proposta permite incrementar o gasto social, licitar servizos (como o de Axuda no Fogar ou comedor sobre rodas), actualizar as nónimas dos cinco traballadores que teñen pendente de regularizar a súa situación e facerlle fronte aos gastos de persoal despois da sentenza do xulgado do social. “Son unhas contas realistas que solucionan moitos problemas da veciñanza”, insistiu o alcalde, que recordou que das dúas reunións ás que convocou á oposición só asistiu o PP a unha delas, e que nin populares nin Compromiso por Galicia fixeron ningunha aportación ás contas.

Dende o Partido Popular, Andrés García Cardeso volveuse ratificar nas críticas que xa fixera no pleno de febreiro aos presupostos, recriminándolle ao alcalde que non incluíra ningunha das peticións que o PP xa fixera nun escrito presentado hai un ano cunha serie de medidas para facerlle fronte a situación xerada pola pandemia. Cardeso criticou ao alcalde por non querer dialogar, non contar coa oposición e non coñecer a realidade dun concello rural.

Máis crítico foi o portavoz de Compromiso por Galicia. César Ramos volveu insistir en que se ían abster na votación e recordou que o seu partido está disposto a buscar unha solución para acabar esta lexislatura “se o alcalde dimite”. “Non temos problemas co Partido Socialista”, afirmou Ramos recordando que recuperaran a alcaldía grazas a CxG, “pero mentres siga sendo alcalde non volveremos reunirnos con vostede. Debe facer un acto de dignidade e dimitir”, díxolle a José Antonio Pereira.

O alcalde replicoulle afirmando que o Concello necesita uns presupostos que beneficien aos veciños. “Se non me quere a min na alcaldía, presente unha moción de censura. Eu estou aquí por un acordo plenario que vostede apoiou”, díxolle José Antonio Pereira ao portavoz de Compromiso por Galicia. “Con estes presupostos iralle mellor aos veciños, non ao alcalde. Vostede recoñece que os presupostos lle valen, que non lle vale é o alcalde”, concluíu Pereira.

Na votación, os presupostos foron rexeitados ao contar só cos votos a favor do equipo de goberno socialista (4 votos) e cos votos en contra do grupo popular (5 votos). Compromiso abstívose (2 votos).

Por unanimidade da Corporación aprobouse rebaixar o IBI nun 95% a unha granxa da Ermida, e nun 50% a outra de Cabanas. Neste caso só se rebaixa a metade porque existen instalacións dedicados a outros usos diferentes. Tamén por unanimidade se acordou modificar o proxecto de pavimentación nunha vía pública en Nantón.

A Corporación leu o manifesto institucional A prol do Concello da Baña libre dos parques eólicos no que os tres grupos políticos amosan o seu rexeitamento á instalacións de parques eólicos no municipio (de xeito especial ao de Troitosende) e apoian ás asociacións de veciños de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte que no mes de marzo solicitaron o apoio do Concello para opoñerse a instalacións que se prevé construír en Troitosende. (Pode ler o manifesto íntegro neste enlace)

No capítulo de rogos e preguntas, entre outros temas o PP preguntou se se estaba a facer algún estudo para tomar medidas que eviten a soidade dos maiores, e volveu reclamar que obrigue a todas ás empresas madeireiras a solicitar licencia municipal e a reparar os camiños que sufran danos.

Dende Compromiso volveron pedir datos sobre as persoas da Baña que se inscribiron na aplicación Ximnasio TV e que se traslade aos grupos políticos da oposición os escritos que se dirixan ao pleno da Corporación, petición que tamén fixo o PP.

Vïdeo íntegro do pleno neste enlace (preme aquí)