imprimir
Categoría: novas
Visitas: 913

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade todos os puntos da orde do día e manifestou o seu rexeitamento á implantación de parques eólicos no municipio, apoiando deste xeito o escrito presentado polas asociacións de veciños de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte (vídeo íntegro do pleno neste enlace, preme aquí).

No escrito presentado no Concello, despois de que o pasado martes entregasen máis de 600 alegacións contra o parque eólico de Toitomil e todos os que se queiran implantar no municipio da Baña, os presidentes das catro asociación solicitábanlle ao Pleno da Corporación que “apoie as reivindicacións da veciñanza en relación con este tema e o manifesten publicamente”.

Ante esta petición, os tres grupos da Corporación apoiaron este escrito e acordaron elaborar un manifesto institucional que se levará ao Pleno ordinario do mes de abril.

Na sesión tamén se ratificaron por unanimidade as resolucións da alcaldía para solicitar unha subvención á Xunta de Galicia, conxuntamente cos concellos de Negreira, Santa Comba e Val do Dubra, para desenvolver dous obradoiros de emprego.

A solicitude do Obradoiro Xuventude 2021 estará dirixido para persoas mozas menores de 30 anos desempregadas e inscritas no sistema de garantía xuvenil, para formarse en pintura industrial en construción e en instalación de elementos de carpintería durante un ano. A subvención solicitada ascende a 369.492,32 euros, e o Concello da Baña tería que aportar 5.500 euros. Santa Comba será o encargado da coordinación deste obradoiro entre os catro municipios.

O obradoiro dual de emprego Obradoiro promoción 2021 estará destinado a persoas desempregadas maiores de 30 anos, que durante nove meses se formarán en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Participarían tamén os catro concellos, estando coordinado por Val do Dubra. O importe da subvención solicitada ascende a 346.946 euros, e o Concello da Baña deberá aportar 5.500 euros.

Coa modificación da taxa de prestación de alimentos vincúlanse ao IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples) o cálculo de ingresos das persoas solicitantes e beneficiarias. 

Tamén por unanimidade aprobouse modificar a ordenanza que regula o uso e a xestión das áreas recreativas do Concello da Baña para introducir aspectos que non están incluídos na ordenanza publicada, debido a erros, e que xa foran aprobados no pleno de novembro de 2019.

No capítulo de rogos e preguntas, o PP interesouse, entre outros temas, polas obras de pavimentación no núcleo de Nantón e solicitou que se habilite un sistema para que a veciñanza que ten que facer cesión ao concello cando pide unha licencia de obra non teña que asumir os gastos de notaría. A secretaria explicou que, por lei, esta cesión debe facerse en escritura pública.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia reclamou máis datos sobre as xestións realizadas no departamento de Servizos Sociais, para valorar se é necesario contratar máis persoal, e preguntou tamén polos gastos en servizos informáticos, entre outros temas.

20210331 Pleno ordinario Marzo BAÑA parques eolicos