• A Corporación aprobou o listado de obras a incluír no Plan único de concellos POS+ 2021 e as partidas do POS+ Adicional para gastos sociais 

  

A Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade a relación de obras e gasto corrente que o Concello quere incluír no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único dos concellos) POS+ 2021 da. Deputación da Coruña. Cos votos  a favor de PP e CxG, e en contra do PSdeG, aprobouse tamén a distribución de partidas de gastos sociais para incluír no POS+ Adicional. O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace (preme aquí).

O POS+ 2021 foi pactado entre o equipo socialista de goberno e o PP, segundo explicou o alcalde, ascende a 362.830,21 euros, e inclúe 45.647,70 euros para gasto corrente. As obras que se pretende executar con este plan provincial son as pavimentacións de vías públicas da AC 444 a Marcelle e Barro (180.277,85 €); de Menlle de Arriba a Paradas (106.573,50) e o saneamento e pavimentación en Vilar (Marcelle) por importe de 30.381,14 euros.

No Plan complementario do ano 2021 da Deputación da Coruña, o Concello da Baña inclúe obras por importe de 626.705,78 euros, e inclúe a pavimentación das seguintes vías públicas: Accesos Buchaín-Nantón (141.295,54 €), A Tarroeira e Trasbarcala co límite de Negreira (69.515,35 €), Cores-Lameiro (67.160,28 €), A Edreira (31.077,42 €), Lañas e Fiopáns (56.270,25 €), e O Cruceiro-Canle Paraxó (45.964,29). Tamén figura o abastecemento de auga a Emes-Barcala (48.084,27 €) e a mellora e reposición de camiño de servizo en Lameiro-Rial (167.338,38 €).

Tanto o alcalde, José Antonio Pereira, como o portavoz do PP, Andrés García Cardeso, consideraron estas obras importantes para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Pola súa parte, César Ramos, indicou que Compromiso por Galicia non presentara ningunha proposta porque as obras que reclamaban o seu grupo xa figuraban na relación facilitada polo PP e que a consideraban coherente. 

O alcalde someteu a votación a proposta consensuada entre PSdeG e PP, que foi aprobada por unanimidade.

Onde non houbo consenso foi na aprobación do POS+ adicional para gasto social, pola distribución dos 136.000 euros que inclúe este plan. O equipo de goberno presentou unha proposta que contemplaba destinar 30.000 euros para reforzo de persoal de Servizos Sociais durante este ano, polo incremento de expedientes tramitados, outros 10.000 euros para axudar ás familias a adquisición de material escolar e novas tecnoloxías relacionadas coa educación, e outros 96.889 euros para ampliar todos os programas relacionados coa atención no fogar as persoas máis vulnerables (Servizo de axuda no fogar, comedor sobre rodas, podólogos, etc.).

O Partido Popular non considerou necesario reforzar o persoal de Servizos Sociais na situación actual, e propuxo reforzar gastos de emerxencia social, en concreto destinar 20.000 euros para emerxencia social e 10.000 máis para o programa de servizo de axuda no fogar. Compromiso por Galicia apoiou esta proposta e reclamou un informe con datos obxectivos dos expedientes tramitados polo departamento de Servizos Sociais durante os anos 2019 e 2020 para decidir se é preciso contratar máis persoal.

Na votación aprobouse co apoio de PP e CxG (7 votos) a distribución do POS+ Adicional de gasto social coas seguintes partidas: 20.000 euros para gastos de emerxencia social; 10.000 para axudar ás familias en gastos educativos, e 106.889 euros para o Servizos de axuda no fogar e similares. O equipo de goberno (4 votos) votou a favor da súa proposta, que non foi aprobada.

O pleno tamén ratificou por unanimidade a aprobación definitiva do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A sesión concluíu cun longo capítulo de rogos e preguntas. Durante dúas horas, os grupos da oposición estiveron preguntando, entre outros temas, pola reparación dos danos que fan as empresas madeireiras en pistas e camiños municipais (PP), ou pola situación da escola de música (CxG). 

O vídeo íntegro do pleno pódese ver neste enlace (preme aquí).

20210127 Pleno ordinario POS BAÑA