imprimir
Categoría: novas
Visitas: 914

Concello Praza

O Concello da Baña continúa adiante coas obras de substitución de 2.281 luminarias do alumeado público do municipio (das 2.327 puntos existentes) e contará cunha axuda de 394.546,96 euros concedidos polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O pasado 25 de agosto, o director xeral do IDAE asinaba unha resolución pola que aceptaba as alegacións presentadas polo Concello da Baña contra a proposta de revocación da subvención, que o Concello recibiu o pasado martes, 1 de setembro.

Finalmente o IDAE recoñece que o Concello da Baña presentou en tempo e forma o 24 de xaneiro deste ano unha solicitude para ampliar o prazo para contratar a empresa que está acometendo os traballos, como permitía a propia convocatoria das axudas. Inicialmente, o Concello tiña ata o 19 de febreiro para facer a contratación, aínda que o proceso demorouse máis tempo.

Inicialmente, o 26 de xuño deste ano, o IDAE comunicoulle ao Concello que anulaba a axuda de 394.000 euros para acometer as obras por non telas contratadas antes do 19 de febreiro. A posibilidade de perder esta subvención xa fora debatida no pleno ordinario do mes de xuño, cando a oposición criticara a pouca celeridade do equipo de goberno para cumprir os prazos. No mesmo pleno, o secretario da Corporación avanzara que o Concello solicitara en tempo e forma unha ampliación de prazo e que, ao non ter resposta do IDAE, esta considerábase outorgada.

Na resolución remitida agora polo director xeral do IDAE, o organismo do Ministerio dálle a razón ao Concello da Baña, sinalando que as propias bases da convocatoria recollían a posibilidade de pedir unha ampliación de prazo, que A Baña solicitou incluso antes de que rematara o prazo inicial.

Con esta resolución o IDAE mantén a subvención de 394.546,96 euros para acometer unhas obras que están en período de execución para poñer o alumeado público con luces led e acadar un considerable aforro enerxético. O importe total das obras ascende a 493.183,70 euros, dos que o Concello debe aportar case cen mil.