imprimir
Categoría: Medio ambiente
Visitas: 310

O Concello da Baña súmase ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía que promove a Unión Europea para loitar contra o cambio climático, aumentando o uso das enerxías renovables, segundo aprobou onte por unanimidade o pleno da Corporación. Na sesión tamén se acordou crear unha agrupación de Protección Civil e un rexistro de construcións en estado de abandono.

A adhesión ao Pacto de Alcades polo Clima implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2 (dióxido de carbono), ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables. O Concello da Baña tamén se compromete a adoptar medidas fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, coma son as secas ou os episodios de temperaturas extremas. Unha vez aprobada a adhesión, o Concello elaborará e presentará un plan de acción que garanta o cumprimento destes obxectivos no ano 2030.

O pleno tamén aprobou a moción de Compromiso por Galicia para rehabilitar as construcións en estado de abandono no municipio. Para isto será preciso crear un censo de edificios nesa situación como medida preventiva, despois do cal se informará aos seus propietarios de posibles axudas e sobre a lexislación vixente ao respecto. O alcalde sinalou que o Concello seguirá neste punto as directrices que se marquen dende a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias).

Crear unha agrupación de Protección Civil na Baña foi outro dos acordos do pleno, a proposta do PSdeG. A elaboración dun regulamento propio, e a tramitación diante de distintas administracións (Deputación, Xunta de Galicia) solicitando subvencións para dotar do equipamento necesario a esta nova agrupación, serán os próximos pasos a seguir polo Concello.