Atendendo as últimas medidas e recomendacións achegadas pola Xunta de Galicia sobre o Covid-19, o Concello da Baña pechará a partir de mañá, venres 13 de marzo, o centro social e da terceira idade, a axencia de lectura, a aula de informática e as escolas de música. Así mesmo, acordou suspender as escolas deportivas municipais e cancelar os actos culturais previstos para os vindeiros días, como a sesión de contacontos de mañá, venres.

No ámbito educativo, atendendo a suspensión da actividade lectiva e extraescolar durante 14 días comunicada hoxe pola Xunta de Galicia, o Concello informa do peche a partir do luns do Punto de Atención á Infancia (PAI). Mañá venres, a asistencia ao PAI será opcional, aínda que non se recomenda.

Esta decisión adóptase seguindo as recomendacións da autoridades sanitarias en relación coa contención do coronavirus Covid-19. Nesta liña, o alcalde asinou esta tarde un bando no que detalla as medidas e recomendacións que se van tomar dende o Concello da Baña para loitar contra a pandemia.

  • Por este motivo, o Concello suspende todas as actividades municipais deportivas, culturais e de servizos sociais desde o 13 ata o 29 de marzo.
  • A atención ao público nas dependencias municipais verase limitada a casos de emerxencia,  polo que os trámites que se teñan que realizar serán preferentemente por vía telemática ou ben telefónica no teléfono 981 886 501.
  • Péchanse a aula de lectura, a de informática, os pavillóns, o campo de fútbol, o auditorio da casa de cultura, o centro social e da terceira idade, o Punto de Atención á Infancia, a Escola de Música, as Escalas Deportivas e a casa de cultura.
  • Quedan suspendidas todas as autorizacións municipais para eventos, charlas e coloquios así como as actividades culturais, sociais, deportivas e lúdicas impartidas desde o Concello e realizadas nos edificios públicos municipais.

Dende o Concello da Baña recoméndase

  • Seguir as instrucións ditadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade e contactar co 061 ou co teléfono de información para a cidadanía 900 400 116, no caso de ter algún síntoma.
  • Non celebrar actividades e festas privadas e que as asociacións e entidades do concello eviten aglomeracións .
  • Non facer viaxes e desprazamentos que non se consideren indispensables.
  • Evitar as zonas de máxima concentración do virus.
  • Non visitar centros de maiores, hospitais, centros médicos a excepción de casos de extrema necesidade.
  • Lavar con  frecuencia as mans e a cara con auga e xabón.

O alcalde recorda no bando que o Concello non quere crear demasiada alarma pero esta decisión extraordinaria é necesaria para garantir a saúde e a seguridade de todas as persoas e, ademais, pide que toda a cidadanía colabore na loita contra o virus.

Para solicitar información xeral sobre o novo coronavirus, a Xunta de Galicia pon a disposición da poboación o teléfono gratuíto 900 400 116. Así mesmo, neste enlace pódese consultar toda a información que están a ofrecer as autoridades sanitarias de forma actualizada.