imprimir
Categoría: novas
Visitas: 1055

 

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou esta mañá, cos votos a favor de PSdeG e PP e a abstención de Compromiso por Galicia, a proposta da Mesa de Contratación de adxudicarlle á empresa Alumbrados Viarios SA a substitución de máis de 2.200 luminarias no municipio por lámpadas led para contribuír ao aforro enerxético e á redución de CO2 á atmosfera. O proxecto, que ascende a 493.000 euros, IVE incluído, está financiado polo IDAE, do Ministerio para a Transición Enerxética, e do Programa Operativo FEDER da Unión Europea con case 400.000 euros. Na súa oferta, Aluvisa inclúe a execución de melloras de unidades de obra por importe de 89.000 euros e unha garantía total das luminarias de 10 anos. (o vídeo da sesión pódese ver neste enlace)

A empresa deberá presentar antes deste venres toda a documentación requirida, incluído un aval de 20.000 euros, para poder asinar o contrato. O prazo de execución das obras é de 8 meses, que comezarán a contar en canto se firme a acta de traza de planta, polo que a previsión do Concello é de que este ano poida estar rematada a mellora da iluminación pública na Baña.

A proposta de Aluvisa foi a recomendada pola Mesa de Contratación, que analizou a oferta presentada por outras catro firmas que acudiron ao concurso. Tanto o equipo de goberno como o Partido Popular indicaron que ían votar a favor desta proposta. Na intervención de CxG, César Ramos recordou que as cinco empresas teñen puntuacións similares na Mesa de Contratación nos apartados obxectivos, polo que pediu ver o expediente. Ao mesmo tempo informou de que, como se pode comprobar ao buscar en Internet, Aluvisa tiña abertos varios expedientes administrativos e algúns xudiciais na Coruña, Sevilla, Asturias e Cataluña por problemas coas execucións de obras, polo que optaron por absterse na votación.

O alcalde sinalou que esa situación non impedía que Aluvisa se puidese presentar ao concurso da Baña, e incluso gañalo, como foi o caso. Ao tempo que anunciou que o director de obra estará encima para comprobar que as obras se executan de acordo co proxecto, e coincidiu con Andrés García Cardeso en que tamén os técnicos do IDAE supervisarán a execución.

Máis de 2.200 novas lámpadas

Este proxecto conta cunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e financiamento europeo ao estar enmarcada no Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Esta achega representa o 80% do investimento total, 394.546,96 euros, mentres que o Concello debe asumir o 20% restante, ata os 493.183,70 euros nos que foi adxudicado o proxecto.

Con esta actuación que o Concello da Baña acaba de adxudicar a Aluvisa poderanse renovar 2.281 puntos de luz dos 2.327 existentes no termo municipal, cambiando as lámpadas por outras de tecnoloxía LED máis eficientes e con menos consumo, polo que se estima que o aforro enerxético será dun 73%, ao pasar dos 230,82 KW ata 81,08 KW. Ademais de cambiar as luminarias, tamén está previsto substituír cadros eléctricos.

20200309 Pleno Baña aluvisa web

Plan Marco 2020-2021

Ademais de proceder ao sorteo para designar os integrantes das mesas electorais para as vindeiras eleccións autonómicas do 5 de abril, no Pleno de hoxe tamén se aprobaron as obras que se van incluír no Plan Marco 2020-2021, para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Neste apartado houbo unanimidade dos tres grupos para incluír accesos en Agra de Portochán, Marcelle-Cabanas, Braña de Gosende e na Ermida. Estas catro actuacións representan un investimento de 59.679 euros