imprimir
Categoría: novas
Visitas: 482

O Pleno da Corporación da Baña rexeitou esta mañá os recursos de reposición presentados contra o expediente de contratación para a renovación de alumeado público ca fin de reducir as emisións de CO2 á atmosfera no termo municipal, o proxecto financiado polo IDAE para colocar luminarias led no alumeado público. Tanto a urxencia da sesión como a desestimación dos recursos aprobáronse cos votos a favor de PSdeG e PP e a abstención de Compromiso por Galicia (neste enlace pódese ver o vídeo integro do Pleno)..

A Asociación Provincial de Industriais Electricistas e Telecomunicacións da Coruña (Asinec) presentou un recurso alegando que non se respectaban as táboas salariais do convenio vixente na provincia da Coruña. Pola súa banda, a empresa polaca Lug Light Factory Ltd presentou tres alegacións,  por non admitir variantes na licitación, polas luminarias propostas e polas carencias e insuficiencias técnicas do proxecto.

O informe da Secretaría do Concello propoñía desestimar todas as alegacións ao considerar que todos estes aspectos estaban ben resoltos nos pregos de condicións técnicas e administrativas do concurso, que foi redactado polo Instituto para a Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica, que lle concedeu ao Concello da Baña unha subvención de case 400.000 euros para poñer luminarias led en case todo o alumeado público municipal.

Despois dun debate que durou corenta minutos, procedeuse á votación. O PP e o equipo de goberno (PSdeG) votaron a favor para seguir adiante co proceso de contratación. Compromiso por Galicia abstívose.

Unha vez rematado o pleno, reuniuse a mesa de contratación para analizar a documentación das cinco empresas que se presentaron ao concurso. Para o cambio de luminarias no termo municipal da Baña o IDAE achega 400.000 euros de subvención e o Concello debe aportar outros 80.000 ata completar os case medio millón de euros que acada o proxecto.