imprimir
Categoría: axenda
Visitas: 435

O Concello da Baña comezou o pasado luns, 11 de maio, celebrando a Semana Bañense das Letras 2015 cunha Tarde Infantil entre Letras na Escola de Educación Infantil de Lañas que comezou ás 18.00 h.

En primeiro lugar, Ana e Tiko, voluntarias xeorxianas do programa europeo Erasmus, contaron o conto Fidelidade de león en versión xeorxiana e galega. E a continuación actuou Charo Pita co seu espectáculo Canta Conta, que deleitou as persoas asistentes cunha manchea de contos ao ritmo de instrumentos, de palmas, de asubíos, de cancións... e cunha gran dose de humor.

Participaron principalmente os nenos e as nenas de infantil da EEI de Lañas e de San Vicenzo, do PAI da Baña, do programa Maimiños e Furabolos, xunto coas súas familias que, en conxunto, formaron un público dedicado, atento, divertido e participativo.

Unha vez que rematou a actuación, as persoas participantes tiveron a ocasión de coñecer as instalacións da EEI de Lañas e toda a rapazada puido xogar e aproveitar o que quedaba dunha estupenda tarde de sol.