imprimir
Categoría: axenda
Visitas: 457

O pasado xoves, 7 de maio, arredor de 130 nenos e nenas das escolas infantís da comarca de Barcala participaron no intercambio anual na Baña que esta vez estivo centrado no proceso de elaboración do pan, desde que se moe a fariña ata que se mete no forno da panadería.

Como novidade, este ano ampliouse o número de centros participantes; xunto coas escolas infantís de Aro, Lañas e San Vicenzo incorporouse parte do alumnado de infantil do CEIP O Coto a esta actividade organizada polo Concello da Baña e a EEI de Lañas.

Para poder realizar esta actividade, todos os anos colaboran de maneira desinteresada empresas e veciños do Concello da Baña co fin de que o alumnado poida achegarse ás tarefas que realizan habitualmente. Nesta ocasión volveron participar a panadería O Barro e Pepe, o muiñeiro do muíño de Ponte Calexa, así como Feiraco que achegou os batidos de chocolate para a merenda dos nenos e nenas.

Comezaron a mañá reuníndose na área recreativa de Chans co fin de compartir con Urxa, a trasno da biblioteca da Baña, as vivencias do ano pasado e o contacontos Urxa, a trasno da Baña. Urxa serve de punto de enlace e de continuidade desta actividade. Logo, visitaron a panadería O Barro; amasaron na masa do pan no local social do Barro, onde tamén merendaron; recolleron cadanseu bolo de pan e remataron a xornada de convivencia en Fiopáns visitando e vendo como funciona o muíño de Ponte Calexa e xogando á busca do tesouro polos camiños dos arredores.

Esta foi unha boa ocasión para que o alumnado das escolas infantís se coñecesen, interactuasen e se enriquecesen coas experiencias dos profesionais dos distintos oficios do Concello da Baña que xenerosamente ofrecen o seu tempo e a súa simpatía.