• O Concello da Baña vai celebrar o IV Maratón de contacontos o martes, 22 de abril, de 17.00 a 19.30 h, na casa de cultura
  • Baobab Teatro vai participar, como actuación estrela, co seu espectáculo Contos para un caldiñoás 18.30 h

As familias do concello da Baña e contorna van ter a posibilidade de participar no IV Maratón de contacontos que se celebra anualmente con motivo de conmemorar o Día do Libro, de fomentar a lectura, a expresividade e a creatividade. Moitas das familias participantes asisten tamén con habitualidade ao programa Maimiños que está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 3 anos.

Para participar, cabe a posibilidade de que cada quen traia da súa casa o conto que quere ler, contar ou representar ou tamén pode buscar entre as múltiples posibilidades que lle ofrece a biblioteca que está situada na casa de cultura, onde se vai celebrar o maratón. Os/As contadores/as terán un agasallo como agradecemento pola súa participación. Ademais, haberá actividades relacionadas coa lectura seleccionada que pretenden estimular o apetito lector dos/as participantes.

Esta actividade, que organiza o Servizo de Normalización do Agrupamento A Baña-Negreira xunto con Educación Familiar e Cultura, vai contar este ano coa intervención estelar de Baobab Teatro con Contos para un caldiño. É este un espectáculo de 50 minutos de duración, para todos os públicos, divertido, dinámico, moi participativo, co que se pode gozar de historias que entren polo nariz e que se poidan degustar.