imprimir
Categoría: axenda
Visitas: 835

As persoas participantes no Club de Lectura Barcala en Galego reuniranse o próximo 1 de outubro de 2013, en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura para comentar os librosTonas de Laranxa de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, Non quero ser Doris Day de Inma López Silva e para escoller a/s lectura/s para o próximo mes.

Autores: María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón
Título: Tonas de laranxa
Data de lectura:

setembro de 2013

Comentarios:

Tonas de laranxa, a novela gañadora do Premio Xerais 2012, é, segundo os membros do xurado, un “acto de amor á lingua, arrecendente, profundo, vivo, diverso e capaz de espertar a fame do lector ou lectora”. Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.

A través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amara e da curiosa peixeira Sofía Costa, e de tantos outros personaxes, os autores constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla os pequenos feitos que suceden na vila de Moreira.”

(Edicións Xerais de Galicia)

   
Autora: Inma López Silva
Título: Non quero ser Doris Day
Data de lectura:  setembro de 2013
Comentarios:

Unha muller foxe a París buscando refuxio sentimental para superar un desengano amoroso e inspiración para escribir a gran novela da literatura galega. Esta historia persoal mestúrase cunha trama relacionada co roubo duns cadros.

Esta novela foi concibida para presentarse a un certame de novela por entregas no que resultou finalista. Son capítulos breves nos que a protagonista vai desvelando a súa peripecia parisiense a través de cartas que lles escribe ás súas amigas.

   

Ademais, no noso club continuaremos lendo nas próximas sesións poemas do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro con motivo de celebrar o 150 aniversario da súa publicación.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).