O encontro co escritor Manuel Iglesias Turnes na casa de cultura do Concello da Baña o 18 de abril resultou entrañable e enriquecedor. O autor desveloulles ás persoas participantes o proceso de elaboración da súa novela As rapazas de Xan; analizou cuestións da obra como as personaxes, o papel da muller, o amor, o léxico, a toponimia, a antroponimia... Despois do seu relatorio, respondeu as preguntas do público nun ambiente relaxado e de camaradería e asinou libros.