imprimir
Categoría: axenda
Visitas: 847
Autor: Agustín Fernández Paz
Título: Non hai noite tan longa
Data de lectura:

Abril de 2012

Resumo:

“Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar. O encontro coa ánima do seu pai, na desolada casa familiar, cambiaralle a vida para sempre.

En Non hai noite tan longa atopamos os ecos dos temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. Unha obra de lectura engaiolante, debedora das técnicas da novela negra, que ofrece unha minuciosa indagación moral e unha ácida ollada crítica sobre a nosa sociedade en dous momentos da historia próxima: os últimos anos da ditadura e os primeiros do século XXI.

Mais tamén, como acuñou Shakespeare nunha das pasaxes máis citadas de Macbeth –“Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día”-, esta obra propón unha mensaxe de confianza no futuro e na recuperación da dignidade das persoas. Unha novela que non ha deixar a ninguén indiferente, chamada a converterse nun clásico do noso tempo.”

(Edicións Xerais de Galicia)

Na próxima sesión que será o 2 de maio de 2012 en horario de 16.00 a 17.30 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre o libro e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodeabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodeabana.es).