• Aprobada a modificación do contrato de mellora da estrada de Menlle de Arriba a Paradas cos votos a favor do equipo de goberno e da concelleira non adscrita e a abstención dos socialistas

 

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou hoxe por unanimidade a conta xeral correspondente ao exercicio 2021. No pleno extraordinario de esta tarde tamén se aprobou, con 8 votos a favor e 3 abstencións, a modificación do contrato de pavimentación da estrada que vai de Menlle de Arriba ata Paradas, financiado ao abeiro do POS+ 2021.

A modificación vai permitir botar unha capa de 5 centímetros de aglomerado en quente nuns 850 metros desta estrada que pasan máis preto das vivendas en Menlle, mantendo o rego asfáltico no resto do tramo, segundo explicou o alcalde. Andrés García Cardeso dixo que esta petición foi feita polos veciños hai máis dun ano e que despois de todos os trámites burocráticos pódese levar a cabo ao contar coa colaboración da empresa adxudicataria (Mantido) para modificar o proxecto sen cambiar o presuposto de adxudicación da obra, que supera lixeiramente os 95.870 euros.

Dende o grupo socialista, José Antonio Pereira criticou que se reducira a mellora nun tramo de  quilómetro e medio desta estrada para poder botar aglomerado en Menlle, e reclamou que en toda a estrada se utilice aglomerado en quente, utilizando a parte do POS que o Concello deixou para gasto corrente.

O alcalde, Andrés García Cardeso replicoulle que a veciñanza fixera esa petición en setembro do ano pasado, cando os socialistas gobernaban na Baña, e que non foron quen de modificar o proxecto. “É fácil pedir aglomerado para o monte, pero primeiro son os veciños”, concluíu o alcalde.

Pola súa banda, Mónica González preguntou cando se vai executar a obra, e pediu que, se é posible, se utilice aglomerado en quente nunha costa con bastante pendente.

Na votación, a modificación do contrato aprobou se con 8 votos a favor (PP, Compromiso e Mónica González) e 3 abstencións (PSdeG).

20221011 Bana Pleno extraordinario conta Xeral

  • O mercadiño reuniu a máis de 35 postos de artesanía, oficios, conservas, xabóns artesáns e produtos da terra //

  • Os Gaiteiros da Baña, as Atrevidas de Monte, as Regueifeir@s e o dúo Ciclón foron os encargados de animar a xornada festiva //

  • Nenos, nenas e maiores desfrutaron cos Xogos do Paporrubio e cos contos ilustrados ‘Polo correo do Vento’ //

  • O Concello da Baña destaca o éxito desta edición e a boa acollida que tivo entre a veciñanza do municipio e da contorna //

xogos A carballeira de Ceilán (A Baña) viaxou hoxe por unhas horas 70 anos atrás na historia, ata a década dos anos 50 do pasado século XX, para rememorar o espírito e as tradicións das antigas feiras e romarías co Feirón e romaría da Re-Volta. A cita está organizada polo Concello da Baña, en colaboración coa Asociación Veciñal Outeiro e a Deputación da Coruña. Mercadiño tradicional con postos de artesanía, oficios e produtos da terra; gastronomía, música e espectáculos aptos para todos os públicos foron os atractivos dunha cita festiva que reuniu a centos de persoas, moitas delas caracterizadas de época. 

xente Segundo destaca o Concello da Baña, o mercadiño, que contou con máis de 35 postos, foi un dos máis concorridos das edicións da Re-Volta que ata a data se teñen celebrado. Entre os postos que se deron cita na carballeira de Ceilán destacaban os artesanais, como o do latoeiro Fernando, un dos últimos do gremio en Galicia; os San Cosmeiros, o do torneiro de Arzúa, José Manuel Pardo, ou o posto de pandeiretas artesanais de Mari Carmen Suárez e Rafael Regos, da empresa familiar Regos de Ordes.

Pero no mercadiño tradicional tamén se podía mercar xabóns artesáns, velas artesanais, bonecos e outros produtos feitos de lá, libros de segunda man, xoiería e bixutería artesanais... produtos da horta ecolóxicos de tempada, mel, plantas, postos de venda de doces típicos como as orellas, polbeira... e mesmo as famosas filloas da pedra da Baña, entre outros.

regueifas 1Os Gaiteiros da Baña e as Atrevidas de Monte foron os encargados de amenizar a xornada da mañá, despois da misa, e de animar a máis dunha parella a bailar. Mentres que as propostas musicais da tarde correron a cargo das Regueifeir@s, con Lupe Blanco ao fronte, e o dúo Ciclón, que pecharía a edición do Feirón e romaría da Re-Volta deste ano por cortesía da Asociación Veciñal Outeiro.

Grandes, pequenos e pequenas gozaron ao longo da mañá cos enredos e as historias dos Xogos do Paporrubio e cos contos ilustrados Polo correo do Vento, pola tarde. Tamén había diferentes paneis con fotografías antigas que causaron sensación entre a veciñanza e visitantes.

paporrubioO Concello da Baña destaca o éxito acadado nesta edición do Feirón e romaría da Re-Volta, e a boa acollida que tivo a celebración non só entre a veciñanza do municipio, senón tamén entre os veciños e as veciñas da contorna, e agradece a colaboración da Asociación Veciñal Outeiro.

  • Mónica González Blanco abandona o grupo socialista e incorpórase como concelleira independente

  • As comisións informativas pasan a estar formadas por 2 edís do PP, e 1 de Compromiso, 1 do PSdeG e a concelleira non adscrita

  • Aprobado definitivamente o orzamento de 2022 e o plan de infraestrutura rural que executará a Consellería do Medio Rural

 

A Corporación da Baña aprobou definitivamente o orzamento municipal de 2022 no pleno ordinario celebrado o mércores 28 de setembro, no que tamén se crea o grupo de non adscritos, ao que se incorpora a concelleira Mónica González Blanco, que abandonou o grupo socialista. Na sesión tamén se aprobou por unanimidade a nova composición das comisións informativas e o plan de infraestrutura rural que acometerá a Consellería de Medio Rural.

Co voto favorable de todos os concelleiros entra en vigor definitivamente o orzamento municipal para o presente exercicio, o primeiro que aproba a Corporación dende 2017. Tamén por unanimidade modifícase a composición das comisións informativas de asuntos do Pleno e a comisión de contas, que pasan a estar integradas por 2 concelleiros do grupo popular, un de Compromiso A Baña, un do grupo socialista e a concelleira Mónica González Blanco, que dende onte pasa a formar parte do grupo de non adscritos, tras presentar a súa renuncia como integrante do grupo socialista.

O plan de infraestrutura rural contará cun investimento de 44.998 euros, que vai executar a Consellería do Medio Rural para mellorar camiños rurais en A Lagoa (parroquia da Baña) e outros. O Pleno aprobou onte poñer a disposición da Consellería os terreos necesarios libres de cargas e os permisos para poder realizar estas obras.

No capítulo de rogos e preguntas, e entre outros asuntos, tanto José Antonio Pereira (PSdeG) como Mónica González (non adscrita) interesáronse polo proxecto de reforma do CPI San Vicente e polo funcionamento do transporte escolar.

O alcalde, Andrés García Cardeso, explicou que arquitectas da Consellería de Educación estiveron os últimos meses tomando medicións para acometer unha reforma integral no colexio público, para mellorar a eficiencia enerxética do centro. O proxecto e as obras serán realizadas polo Goberno galego.

Respecto do transporte escolar, García Cardeso explicou que despois dos problemas de retrasos no transporte escolar e de manter unha reunión coa Consellería de Educación, a dirección do centro, a ANPA e Monbus (empresa adxudicataria) este semana entraron en funcionamento as novas rutas de transporte e, polo momento, estanse a cumprir os horarios. “Dende o Concello seguiremos a disposición da comunidade educativa para que Monbús cumpra os horarios e o alumnado chegue a tempo ás clases”.

20220928 Bana Pleno ordinario Setembro grupo non adascritos ALF1925

  • Inspirado nas romarías dos anos cincuenta, contará con mercadiño, postos de artesanía e propostas culturais e musicais para todos os públicos //

20221007 cartel revolta verticalA carballeira de Ceilán (A Baña) acollerá este domingo, 9 de outubro, unha nova edición do Feirón e romaría da Re-Volta, unha celebración que naceu co propósito de recrear o ambiente das antigas romarías dos anos cincuenta do século XX. As actividades, que inclúen mercadiño, postos de artesanía e propostas culturais e musicais para todos os públicos, comezarán ás 11.00 horas. O feirón de Re-Volta está organizada polo Concello da Baña e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Asociación Veciñal Outeiro.

Ao longo da xornada dominical, veciños, veciñas e visitantes poderán mercar produtos da zona nos diferentes postos do mercadiño e mesmo facerse con algunha antigüidade ou artesanía. Tamén poderán probar un dos manxares con máis sona da comarca de Barcala, as famosas filloas da pedra da Baña.

Non hai romaría sen música. Os Gaiteiros da Baña serán os encargados de animar a festa e, de paso, convidar ás e aos asistentes a botar unhas bailas. Pero non serán os únicos, xa que pola tarde cederán a testemuña ás Regueifeir@s de Galicia, con Lupe Blanco á fronte. Será ás 16.00 horas. E, a partir das 19.00 horas, ao Dúo Ciclón, que poñerá o fin de festa musical. Esta última actuación é cortesía da Asociación Veciñal Outeiro.

Tamén haberá actividades para os cativos e cativas, que desfrutarán cos enredos e as historias dos xogos do Paporrubio pola mañá. Será ás 12.00 horas. E, xa á tardiña, os contos ilustrados Polo Correo do Vento (17.30 horas) farán as delicias de grandes, de pequenos e de pequenas.

A carballeira de Ceilán contará cunha polbeira, para quen queira repoñer forzas, petiscar un bo polbo á feira ou mesmo xantar. E, quen o desexe, poderá traer a súas viandas da casa e comer de campo, como se facía antes nas romarías.

O Concello da Baña anima á veciñanza do municipio e á da contorna a achegarse ata a carballeira de Ceilán e participar e desfrutar do Feirón e romaría da Re-Volta.

  • Haberá reunións informativas cos veciños para darlles a coñecer os seus dereitos en Corneira, Troitosende e San Vicenzo o 14, 19 e 22 deste mes

  • As alegacións poden ser presentadas ata o día 4 de outubro de 2022

 

20220908 Alegacion tipo descarga

 

O Concello da Baña publica hoxe un documento de alegación á liña de evacuación 220 Kv entre Mazaricos e Santiago. Tras a publicación do proxecto no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado mes de agosto a Corporación xa amosara o seu rexeitamento e anunciou o encargo para técnicos e asesores municipais de estudar e redactar a devandita alegación, que se pode descargar no documento adxunto ou neste enlace (preme aquí).

A alegación baséase en oito puntos: Falta de previsión respecto ao plan eólico; tramitación fraudulenta e fragmentada do Plan eólico; afección a terreos afectados por incendios forestais; afección a terreos de concentración parcelaria; tramitación como Proxecto de Interese Autonómico (PIA); utilidade pública e interese social; configuración xeral do trazado e a indebida valoración ambiental dos elementos afectados. Esta alegación dáse en forma de documento tipo co fin de axilizar o proceso e orientar aos interesados neste prazo que se estende ata o 4 de outubro.

Do mesmo xeito, o equipo de goberno da Baña xa ten fixado o calendario para as charlas informativas na que técnicos municipais e asesoría xurídica explicarán á veciñanza os seus dereitos, así como o procedemento a seguir para presentar a alegación. Estas serán o vindeiro mércores día 14 de setembro en Corneira, o luns 19 en Troitosende e xoves 22 nas escolas vellas de San Vicenzo, nos tres casos ás 19.30 horas da tarde e nos locais sociais das devanditas parroquias.

Ademais, os técnicos municipais están á disposición de calquera veciño que desexe obter máis información sobre o proceso. O vindeiro mércores, día 14, o técnico de urbanismo e a asesoría xurídica do Concello atenderán á veciñanza no salón de plenos de 10.00 a 13.00 horas.

 

20220914 Charla Informativa Corneira y otroas

 

O documento tipo de alegación pode ser descargado no arquivo adxunto.

 

Toda a documentación relativa a este proceso de exposición pública tamén se pode consultar nos seguintes enlaces: 

Publicación do anuncio no DOG:

https://www.xunta.gal/.../AnuncioV0653-090822-0001_gl.html

O proxecto técnico (xuño 2022-visado 30/06/2022): 

http://descargas.xunta.es/c9f6aec2-6832-468b-903d-f836d46fc5a51660723782451  

Plano xeral do proxecto:

http://descargas.xunta.es/a5f4091d-c226-41a5-80af-7e4ceeefc4811660723990870  

Planos individuais dos predios afectados polo proxecto:

http://descargas.xunta.es/223b03ec-df6f-4891-b778-7ea78561b47a1660724742115  

Planos parcelarios por Concellos:

http://descargas.xunta.es/4f3da3b3-03bc-408d-b9b9-98dfbdbb11631660724017760  

Estudo de impacto ambiental (EIA) (xuño 2021-asdo. 08/07/2022):

http://descargas.xunta.es/4eb2e02c-ff5f-428a-9ef1-0de3efe966701660724905160   

E o Estudo ambiental do proxecto da SET Colectora Nova (que se esta a tramitar noutro expediente con nº IN408A 2020/166):

http://descargas.xunta.es/84da220c-7079-4ad1-addb-96d32a6f446a1660724946369  

O Proxecto de interese autonómico (PIA) (xuño 2022-visado 30/06/2022):

http://descargas.xunta.es/2195730b-455b-4cd8-9916-0249ba3c0bd81660727783824