• Rexeitadas as bases reguladoras para a concesión do bonotaxi

  • PP votou en contra ao non estar de acordo cos criterios fixados para a concesión, e CxG abstívose

  • Gardouse un minuto de silencio polo pasamento do exconcelleiro socialista José Manuel Paredes Suárez, que foi soterrado pouco antes do pleno

 

O Pleno da Corporación da Baña rexeitou onte as bases reguladoras para a concesión do bonotaxi cos votos en contra de PP (5), a abstención de GxG (2) e o voto favorable do goberno socialista (4). Na sesión gardouse un minuto de silencio polo pasamento do exconcelleiro socialista José Manuel Paredes Suárez, que foi soterrado pouco antes da sesión, e de quen se destacou o traballo que realizou en favor da comunidade durante a súa etapa política (vídeo íntegro do pleno neste enlace).

O alcalde defendeu as bases reguladoras do bonotaxi como medida para facilitar a mobilidade das persoas con mobilidade reducida e persoas maiores de 65 anos con escasos recursos, para que poidan desprazarse dentro do municipio e nun radio inferior a 30 quilómetros. As bases, indicou José Antonio Pereira, foron elaboradas polo departamento de Servizos Sociais do Concello e tentan solucionar os problemas detectados na Baña.

José Andrés García Cardeso (PP) replicou que as bases eran un “amalgama de articulado” que non cumpren os criterios do bonotaxi, que se debería conceder en base a dous criterios claros: persoas con grandes discapacidades ou con mobilidade reducida. David Gontán (CxG) considerou que o texto que recolle as bases “é inmaturo” e debería modificarse, polo menos, en varios criterios.

Na votación, o PSdeG votou a favor (4), o PP en contra (5) e Compromiso por Galicia abstívose (2), polo que as bases foron rexeitadas.

No apartado de rogos e preguntas, e entre outros temas, o PP preguntou polos trámites realizados dende o equipo de goberno diante da Consellería de Educación para mellorar o CPI San Vicente, ou diante da Dirección Xeral de Xuventude para facer actividades ou intercambios xuvenís.

O alcalde contestou que sigue á espera de que dende a Consellería de Educación se dea resposta a solicitude de reunión solicitada para as melloras no colexio. Mónica González, pola súa banda, dixo que se solicitada unha subvención  para voluntariado xuvenil e campamentos, pero que non se solicitaran intercambios porque “non se considera o momento oportuno para facelo e porque non atopamos ningunha documentación do concello sobre os intercambios feitos no pasado”.

Dende Compromiso por Galicia, David Gontán fixo referencia ao asfaltado da estrada do Seilán e pediu que se revisen os sumidoiros  pluviais, “porque se botou asfalto por encima, para limpalas”. Pola súa banda, e entre outros temas, César Ramos preguntou cantas vivendas se van beneficiar da subvención para levar traída de auga á parroquia de Ordoeste.

O alcalde respondeu que se van beneficiar unhas dez ou once casas, e recordou que “é obrigación do Concello dotar de abastecemento de auga e saneamento a toda a veciñanza”.

O vídeo íntegro da sesión pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña, neste enlace.

  • Rexeitada a proposta de orzamentos para 2021 cos votos en contra do PP (5) e a abstención de CxG (2)

  • A Corporación aprobou o manifesto institucional “a prol do Concello da Baña libre dos parques eólicos”

  • Unanimidade para rebaixar o recibo do IBI a dúas explotacións gandeiras do municipio e modificar o proxecto de pavimentación nunha vía pública en Nantón

 

O Pleno da Corporación da Baña rexeitou onte, cos votos en contra do PP e a abstención de CxG, a nova proposta de orzamentos presentada polo equipo de goberno. O Pleno apoiou ás asociacións de veciños de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte co manifesto institucional A prol do Concello da Baña libre dos parques eólicos. Por unanimidade, aprobouse rebaixar o recibo do IBI a dúas explotacións gandeiras do municipio e para modificar o proxecto de pavimentación dunha vía pública en Nantón.

O alcalde levou onte a pleno unha nova proposta de orzamentos para o presente exercicio, que actualiza os ingresos e modifica algunha partida de gastos respecto da presentada ao pleno de febreiro e que fora retirada da orde do día. José Antonio Pereira defendeu que esta proposta permite incrementar o gasto social, licitar servizos (como o de Axuda no Fogar ou comedor sobre rodas), actualizar as nónimas dos cinco traballadores que teñen pendente de regularizar a súa situación e facerlle fronte aos gastos de persoal despois da sentenza do xulgado do social. “Son unhas contas realistas que solucionan moitos problemas da veciñanza”, insistiu o alcalde, que recordou que das dúas reunións ás que convocou á oposición só asistiu o PP a unha delas, e que nin populares nin Compromiso por Galicia fixeron ningunha aportación ás contas.

Dende o Partido Popular, Andrés García Cardeso volveuse ratificar nas críticas que xa fixera no pleno de febreiro aos presupostos, recriminándolle ao alcalde que non incluíra ningunha das peticións que o PP xa fixera nun escrito presentado hai un ano cunha serie de medidas para facerlle fronte a situación xerada pola pandemia. Cardeso criticou ao alcalde por non querer dialogar, non contar coa oposición e non coñecer a realidade dun concello rural.

Máis crítico foi o portavoz de Compromiso por Galicia. César Ramos volveu insistir en que se ían abster na votación e recordou que o seu partido está disposto a buscar unha solución para acabar esta lexislatura “se o alcalde dimite”. “Non temos problemas co Partido Socialista”, afirmou Ramos recordando que recuperaran a alcaldía grazas a CxG, “pero mentres siga sendo alcalde non volveremos reunirnos con vostede. Debe facer un acto de dignidade e dimitir”, díxolle a José Antonio Pereira.

O alcalde replicoulle afirmando que o Concello necesita uns presupostos que beneficien aos veciños. “Se non me quere a min na alcaldía, presente unha moción de censura. Eu estou aquí por un acordo plenario que vostede apoiou”, díxolle José Antonio Pereira ao portavoz de Compromiso por Galicia. “Con estes presupostos iralle mellor aos veciños, non ao alcalde. Vostede recoñece que os presupostos lle valen, que non lle vale é o alcalde”, concluíu Pereira.

Na votación, os presupostos foron rexeitados ao contar só cos votos a favor do equipo de goberno socialista (4 votos) e cos votos en contra do grupo popular (5 votos). Compromiso abstívose (2 votos).

Por unanimidade da Corporación aprobouse rebaixar o IBI nun 95% a unha granxa da Ermida, e nun 50% a outra de Cabanas. Neste caso só se rebaixa a metade porque existen instalacións dedicados a outros usos diferentes. Tamén por unanimidade se acordou modificar o proxecto de pavimentación nunha vía pública en Nantón.

A Corporación leu o manifesto institucional A prol do Concello da Baña libre dos parques eólicos no que os tres grupos políticos amosan o seu rexeitamento á instalacións de parques eólicos no municipio (de xeito especial ao de Troitosende) e apoian ás asociacións de veciños de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte que no mes de marzo solicitaron o apoio do Concello para opoñerse a instalacións que se prevé construír en Troitosende. (Pode ler o manifesto íntegro neste enlace)

No capítulo de rogos e preguntas, entre outros temas o PP preguntou se se estaba a facer algún estudo para tomar medidas que eviten a soidade dos maiores, e volveu reclamar que obrigue a todas ás empresas madeireiras a solicitar licencia municipal e a reparar os camiños que sufran danos.

Dende Compromiso volveron pedir datos sobre as persoas da Baña que se inscribiron na aplicación Ximnasio TV e que se traslade aos grupos políticos da oposición os escritos que se dirixan ao pleno da Corporación, petición que tamén fixo o PP.

Vïdeo íntegro do pleno neste enlace (preme aquí)

  • A Corporación ratificou os convenios de Atención temperá e da oficina de turismo para 2021 e o plan estratéxico de subvencións

  • Os orzamentos retiráronse da orde do día para seguir negociando un mes máis

  • A moción de reprobación do alcalde aprobouse cos votos de CxG e PP, e a solicitude á Xunta de paralizar o parque eólico de Troitomil cos votos de PSdeG e CxG

 

A Corporación da Baña celebrou onte sesión ordinaria na que se ratificou por unanimidade o convenio con Santa Comba para manter a Unidade de Atención Temperá, que atende actualmente a 7 rapaces da Baña; e o convenio con Negreira e Val do Dubra para financiar os gastos de persoal da oficina de turismo e poder contratar un técnico este ano. Tamén por unanimidade se aprobou o plan estratéxico de subvencións 2021-2024 que regulará as convocatorias de axudas e subvencións que aprobe o Concello. O vídeo íntegro do pleno, que durou máis de tres horas, pódese ver neste enlace.

Os orzamentos para o presente exercicio, despois dun longo debate, foron retirados da orde do día co apoio do equipo de goberno (PSdeG), a abstención do PP e o voto en contra de CxG. O alcalde propúxolle a oposición seguir negociando durante este mes, que presenten emendas, e poder debater de novo o presuposto no pleno de marzo.

 A moción de Compromiso por Galicia para reprobar o alcalde foi aprobada cos votos de CxG e do PP. Así mesmo, a moción do PSdeG para solicitarlle á Xunta que paralice a tramitación do parque eólico de Troitomil ata que se modifique a lei eólica de Galicia foi aprobada cos votos do equipo de goberno e de CxG.

No capítulo de rogos e preguntas tanto PP como CxG preguntaron se o Concello ía solicitar axudas para elaborar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía sustentable (PACES), replicando o alcalde que estaba practicamente rematado, polo que non se solicitaron estas axudas. O PP insistiu na necesidade de vixiar e reclamarlle as empresas madeireiras que reparen os camiños e pistas municipais; e CxG reclamou os contratos e o plan docente da Escola Municipal de Música e preguntou polo custo de GimnasioTV.

Vídeo íntegro do pleno neste enlace, preme aquí.

20210224 Pleno ordinario Bana febreiro

 

 

 

  • A Corporación apoia á veciñanza e rexeita por unanimidade a implantación de parques eólicos no municipio

  • Os tres grupos políticos acordaron preparar un manifesto institucional ante a petición das asociacións de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte

  • Aprobados por unanimidade a solicitude dun obradoiro de emprego para persoas mozas e outro dual de emprego

  • Modificadas as ordenanzas de reparto de alimentos e de uso de áreas recreativas

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade todos os puntos da orde do día e manifestou o seu rexeitamento á implantación de parques eólicos no municipio, apoiando deste xeito o escrito presentado polas asociacións de veciños de Cabanas, Fiopáns, Lañas e San Mamede do Monte (vídeo íntegro do pleno neste enlace, preme aquí).

No escrito presentado no Concello, despois de que o pasado martes entregasen máis de 600 alegacións contra o parque eólico de Toitomil e todos os que se queiran implantar no municipio da Baña, os presidentes das catro asociación solicitábanlle ao Pleno da Corporación que “apoie as reivindicacións da veciñanza en relación con este tema e o manifesten publicamente”.

Ante esta petición, os tres grupos da Corporación apoiaron este escrito e acordaron elaborar un manifesto institucional que se levará ao Pleno ordinario do mes de abril.

Na sesión tamén se ratificaron por unanimidade as resolucións da alcaldía para solicitar unha subvención á Xunta de Galicia, conxuntamente cos concellos de Negreira, Santa Comba e Val do Dubra, para desenvolver dous obradoiros de emprego.

A solicitude do Obradoiro Xuventude 2021 estará dirixido para persoas mozas menores de 30 anos desempregadas e inscritas no sistema de garantía xuvenil, para formarse en pintura industrial en construción e en instalación de elementos de carpintería durante un ano. A subvención solicitada ascende a 369.492,32 euros, e o Concello da Baña tería que aportar 5.500 euros. Santa Comba será o encargado da coordinación deste obradoiro entre os catro municipios.

O obradoiro dual de emprego Obradoiro promoción 2021 estará destinado a persoas desempregadas maiores de 30 anos, que durante nove meses se formarán en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Participarían tamén os catro concellos, estando coordinado por Val do Dubra. O importe da subvención solicitada ascende a 346.946 euros, e o Concello da Baña deberá aportar 5.500 euros.

Coa modificación da taxa de prestación de alimentos vincúlanse ao IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples) o cálculo de ingresos das persoas solicitantes e beneficiarias. 

Tamén por unanimidade aprobouse modificar a ordenanza que regula o uso e a xestión das áreas recreativas do Concello da Baña para introducir aspectos que non están incluídos na ordenanza publicada, debido a erros, e que xa foran aprobados no pleno de novembro de 2019.

No capítulo de rogos e preguntas, o PP interesouse, entre outros temas, polas obras de pavimentación no núcleo de Nantón e solicitou que se habilite un sistema para que a veciñanza que ten que facer cesión ao concello cando pide unha licencia de obra non teña que asumir os gastos de notaría. A secretaria explicou que, por lei, esta cesión debe facerse en escritura pública.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia reclamou máis datos sobre as xestións realizadas no departamento de Servizos Sociais, para valorar se é necesario contratar máis persoal, e preguntou tamén polos gastos en servizos informáticos, entre outros temas.

20210331 Pleno ordinario Marzo BAÑA parques eolicos

 

  • A Corporación aprobou o listado de obras a incluír no Plan único de concellos POS+ 2021 e as partidas do POS+ Adicional para gastos sociais 

  

A Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade a relación de obras e gasto corrente que o Concello quere incluír no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único dos concellos) POS+ 2021 da. Deputación da Coruña. Cos votos  a favor de PP e CxG, e en contra do PSdeG, aprobouse tamén a distribución de partidas de gastos sociais para incluír no POS+ Adicional. O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace (preme aquí).

O POS+ 2021 foi pactado entre o equipo socialista de goberno e o PP, segundo explicou o alcalde, ascende a 362.830,21 euros, e inclúe 45.647,70 euros para gasto corrente. As obras que se pretende executar con este plan provincial son as pavimentacións de vías públicas da AC 444 a Marcelle e Barro (180.277,85 €); de Menlle de Arriba a Paradas (106.573,50) e o saneamento e pavimentación en Vilar (Marcelle) por importe de 30.381,14 euros.

No Plan complementario do ano 2021 da Deputación da Coruña, o Concello da Baña inclúe obras por importe de 626.705,78 euros, e inclúe a pavimentación das seguintes vías públicas: Accesos Buchaín-Nantón (141.295,54 €), A Tarroeira e Trasbarcala co límite de Negreira (69.515,35 €), Cores-Lameiro (67.160,28 €), A Edreira (31.077,42 €), Lañas e Fiopáns (56.270,25 €), e O Cruceiro-Canle Paraxó (45.964,29). Tamén figura o abastecemento de auga a Emes-Barcala (48.084,27 €) e a mellora e reposición de camiño de servizo en Lameiro-Rial (167.338,38 €).

Tanto o alcalde, José Antonio Pereira, como o portavoz do PP, Andrés García Cardeso, consideraron estas obras importantes para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Pola súa parte, César Ramos, indicou que Compromiso por Galicia non presentara ningunha proposta porque as obras que reclamaban o seu grupo xa figuraban na relación facilitada polo PP e que a consideraban coherente. 

O alcalde someteu a votación a proposta consensuada entre PSdeG e PP, que foi aprobada por unanimidade.

Onde non houbo consenso foi na aprobación do POS+ adicional para gasto social, pola distribución dos 136.000 euros que inclúe este plan. O equipo de goberno presentou unha proposta que contemplaba destinar 30.000 euros para reforzo de persoal de Servizos Sociais durante este ano, polo incremento de expedientes tramitados, outros 10.000 euros para axudar ás familias a adquisición de material escolar e novas tecnoloxías relacionadas coa educación, e outros 96.889 euros para ampliar todos os programas relacionados coa atención no fogar as persoas máis vulnerables (Servizo de axuda no fogar, comedor sobre rodas, podólogos, etc.).

O Partido Popular non considerou necesario reforzar o persoal de Servizos Sociais na situación actual, e propuxo reforzar gastos de emerxencia social, en concreto destinar 20.000 euros para emerxencia social e 10.000 máis para o programa de servizo de axuda no fogar. Compromiso por Galicia apoiou esta proposta e reclamou un informe con datos obxectivos dos expedientes tramitados polo departamento de Servizos Sociais durante os anos 2019 e 2020 para decidir se é preciso contratar máis persoal.

Na votación aprobouse co apoio de PP e CxG (7 votos) a distribución do POS+ Adicional de gasto social coas seguintes partidas: 20.000 euros para gastos de emerxencia social; 10.000 para axudar ás familias en gastos educativos, e 106.889 euros para o Servizos de axuda no fogar e similares. O equipo de goberno (4 votos) votou a favor da súa proposta, que non foi aprobada.

O pleno tamén ratificou por unanimidade a aprobación definitiva do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A sesión concluíu cun longo capítulo de rogos e preguntas. Durante dúas horas, os grupos da oposición estiveron preguntando, entre outros temas, pola reparación dos danos que fan as empresas madeireiras en pistas e camiños municipais (PP), ou pola situación da escola de música (CxG). 

O vídeo íntegro do pleno pódese ver neste enlace (preme aquí).

20210127 Pleno ordinario POS BAÑA