20181112 Concurso QDM cartelCon motivo da conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, preséntase o concurso de PINTURA MURAL QDM?, no marco da Campaña de sensibilización contra a violencia de xénero QUEN DIXO MEDO? impulsada pola Deputación da Coruña.

O obxecto deste certame é empregar a pintura mural para xerar espazos que conviden á reflexión á poboación, de xeito que se muden mentalidades a través da xeración de mensaxes e imaxes claras de loita contra a violencia machista.

Poderán participar todas aquelas persoas que residan nun dos concellos participantes na campaña, entre os que está o Concello da Baña, de xeito individual ou en grupos de non máis de catro persoas. Establécense dúas categorías: adultos e menores de idade (entre 5 e 17 anos).

O prazo de admisión de deseños para o concurso será do mércores 14 de novembro ao sábado 24 de novembro, ambos incluídos.

Ademais de realizar o mural e de que a súa obra sexa difundida, o/a gañador/a de cada unha das categorías de participación recibirá como premio un IPOD TOUCH de 32 GB.

Cada participante ou grupo só poderá presentar un bosquexo orixinal e inédito, que será enviado en formato PDF, tamaño DIN A4, a cor. Así mesmo, achegarase un pequeno texto explicativo sobre as motivacións para a realización do deseño presentado e unha listaxe dos requisitos técnicos e materiais preciso para desenvolvelo, que non excederán os 100 euros e serán achegados pola organización.

A obra seleccionada realizarase nun lugar determinado con anterioridade, no Concello das/dos participantes que resulten gañadoras ou gañadores. Terá unhas dimensións aproximadas de 200x300cm, nun soporte liso e con imprimación previa en branco. O idioma que se empregará será o galego.

Podes consultar as bases completas do certame QUEN DIXO MEDO? no documento adxunto ou no enlace www.quendixomedo.gal