20190220 Led Praza ConcelloO Concello da Baña renovará as instalacións e dotacións da rede de alumeado público do municipio cunha achega de preto de 400.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A axuda solicitada polo Concello financiará unha boa parte da actualización de instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior, cuxo custe total será de 493.183,70€.

O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) do Ministerio para a  Transición Ecolóxica notificou esta semana ao Concello a concesión desta axuda, que conta con financiamento europeo ao estar enmarcada no Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, que busca mellorar a eficiencia enerxética e apoiar así a transición cara a unha economía con baixo consumo de carbono e, polo tanto, máis limpa. 

Os 394.546,96€ concedidos representan o 80% do investimento, a contía máxima que financia o FEDER. Con esta actuación, o Concello poderá renovar 2.281 puntos de luz dos 2.327 existentes,  cambiando ás lámpadas actuais por outras de tecnoloxía LED, que incrementan a iluminación diminuíndo o consumo eléctrico. O aforro enerxético estimado é dun 73%, ao pasar a potencia actual de 230,82 KW a tan só 81,08 KW cando rematen as obras.

As actuacións faranse tanto na substitución das luminarias como nos cadros eléctrico. O Concello ten agora un prazo máximo de 6 meses para contratar e adxudicar as obras, e de 18 meses para a súa execución. Unha vez rematadas, máis do noventa por cento das luminarias do municipio da Baña serán de tecnoloxía LED, o que suporá un considerable aforro enerxético, e lle permitirá ao Concello cumprir tamén co Pacto polo Clima promovido pola Unión Europea, que vén de asinar o Concello da Baña.

Actualmente, as lámpadas que existen na praza do Concello e en outros puntos do municipio xa utilizan tecnoloxía LED.