20180621 Apego 2

Familias da Baña e de Negreira participaron onte na primeira festa que organiza no Val de Barcala o proxecto Apego, unha iniciativa que ten como obxectivo incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia.

No refuxio de Covas, preto de cen persoas, entre crianzas e maiores, puideron gozar coa máquina do tempo que levou ata esta área de recreo Teatro de Ghazafelhos. A biblioteca móbil ofreceu, xunto co seu catálogo de libros, un obradoiro de marcapáxinas no que participaron moitos nenos e nenas. Para fomentar a socialización no noso idioma, a ludoteca ambulante dos Biosbardos presentou xogos que fomentan a colaboración, tanto entre pequenos coma destes cos maiores. O fin de festa protagonizouno Lidia Botana co seu espectáculo musical ‘De aquí para alá’, co que moitos se animaron a bailar e a cantar.

Dende a organización realizan unha boa valoración da participación que tivo esta primeira edición da festa do Apego. Por iso, prevén repetila para o ano, desta volta no Concello da Baña. 

20180621 Apego 3

Entre as familias que asistiron á celebración había moitas que tamén participan en Maimiños e Furabolos (A Baña) e Avelaíñas e Rebuldeiros (Negreira), iniciativas dirixidas a estimular a socialización en galego das crianzas de 0 a 6 anos.

Na actualidade, unhas 75 familias están anotadas en Apego nos concellos da Baña e Negreira. En total, 30 municipios galegos forman parte do proxecto, que promove a socialización en galego e propón o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia e para asentar o arraigo á terra, porque, aseguran dende Apego, “a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura dos nenos e nenas”. Por esta defensa e uso do noso idioma, o proxecto Apego recibiu o ano pasado o Premio Rosalía de Castro de Lingua, que concede a Deputación da Coruña, e o Premio da Cultura Galega 2017 na modalidade de lingua.