20190910 VoluntariadoA Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza diferentes cursos nos Espazos Xove e centros dependentes desta dirección xeral de distinta temática relacionada co voluntariado e de formación en igualdade, ademais de convocar unhas xornadas de coaching profesional ao abeiro do proxecto Lidera. Estas actividades están dirixidas á mocidade galega e portuguesa de entre 18 e 30 anos. As inscricións deberán facerse a través da páxina web xuventude.xunta.es.

Os cursos de temática relacionada co voluntariado organizados pola Dirección Xeral de Xuventude divídense en tres liñas básicas de actuación: cursos de formación básica en materia de voluntariado, cursos de especialización en materia de voluntariado e formación específica en materia de voluntariado. Estas actividades contan con edicións en Santiago, Carballo, Noia, Tui, Ourense, Muíños, Viveiro, Lalín, Pontedeume, Ferrol, Vigo, Lugo, Vilalba, A Coruña, Pontevedra, Vilagarcía, Chantada e Betanzos.

No caso do curso de Formación en igualdade para a prevención e o afrontamento da violencia de xénero, os contidos dividiranse en catro módulos centrados na figura da persoa voluntaria no contexto da violencia de xénero, nos conceptos básicos en igualdade de xénero, nas orixes da violencia de xénero e nos recursos existentes, a prevención e afrontamento da violencia de xénero e as boas prácticas. As 10 edicións deste curso desenvolveranse en Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Vilalba, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía e Betanzos.

Ademáis, a Dirección Xeral de Xuventude convoca unhas sesións de coaching, con edicións en Noia, Tui, Viveiro, Vilalba, Curtis, Betanzos, Ourense, Carballo, Vilagarcía, Lalín, Chantada, Pontedeume, para desenvolver nos espazos emprende incluídos no proxecto Lidera, co obxectivo de apoiar a xuventude no seu itinerario persoal e profesional coa formación en habilidades transversais que melloren as súas oportunidades de emprego e emprendemento.

As persoas destinatarias de todas estas actividades formativas son os mozos e mozas galegos/as e portugueses/as con idades comprendidas entre 18 e 30 anos. As inscricións faranse a través da páxina web xuventude.xunta.es seguindo os criterios correspondentes para cada curso.

Para máis información, preme nas seguintes ligazóns.