20180620 Campamentos

O Concello da Baña programou para o verán de 2018 unha serie de actividades para facilitar á veciñanza o goce da temporada estival. Tres campamentos para a infancia e a mocidade e a apertura da piscina municipal, que terá lugar o próximo luns, son as accións estrela para facilitar o ocio e a conciliación nos meses de vacacións escolares.

Durante o mes de xullo celebrarase un campamento lúdico-deportivo na área recreativa de Agra de Chans, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos. Para participar no mesmo hai que estar inscrito nos cursos de natación. O custe da actividade, incluíndo o curso de natación, é de 30 euros, o horario vai das 9:00 ás 14:00 horas e a inscrición pode realizarse ata o xoves 28 de xuño na Concellería de Cultura. Hai 60 prazas e, tanto para esta como para as outras actividades de conciliación de verán, teñen preferencia as persoas empadroadas na Baña e as familias que teñan necesidade de conciliación por residencia, estudos ou traballo no municipio. No caso de quedar prazas vacantes, poderán participar outras persoas interesadas, e realizarase un sorteo público se hai moita demanda.

Tamén na área de Agra de Chans desenvolverase o campamento urbano, destinado a nenos e nenas de 3 a 12 anos (incluídos), do 1 ao 31 de agosto, de 9:00 a 14:00 horas. O prezo é de 30 € por neno/a e de 20 € por irmán/á. Neste caso, o prazo de inscrición remata o 26 de xullo.

O Concello organiza tamén un campamento de verán no albergue de Cabana de Bergantiños para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos (incluídos). Esta actividade desenvolverase do 3 ao 10 de agosto e ten un custo de 100 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de xullo e hai 45 prazas. Ao igual que nos outros campamentos, teñen preferencia as persoas empadroadas na Baña.

Por outra banda, a partir do luns 25 de xuño e ata o 15 de setembro permanecerá aberta a piscina municipal en horario de 15:30 a 21:00 horas e, en setembro, de 15:30 a 20:30 horas. Establécense diferentes prezos para os abonos: 25€/mes, 15€/quincena e 45€ por familia ao mes. O acceso por día solto custa 2 euros. Para os menores de 14 anos a entrada é gratuíta. É imprescindible levar gorro e chanclas.

Festas de clausura

Os campamentos lúdico-deportivo e urbano terán cadansúa festa de clausura. O primeiro, que se celebra en xullo conxuntamente cos cursos de natación, pecharase co espectáculo Le cirque de Cayetano Lledó, nunha celebración familiar na área recreativa de Agra de Chans ás 12 do mediodía. No mesmo escenario e á mesma hora terá lugar o 31 de agosto o peche do campamento urbano, no que Celtia Figueiras presentará os seus Contos de verán.

Todas as actividades están organizadas polo Concello da Baña, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Política Social, e coa Deputación da Coruña.

Podes cubrir o formulario interactivo de inscrición adxunto nesta nova ou descargalo.

O pagamento realizarase nas seguintes contas bancarias e o xustificante entregarase no Concello:
Banco Pastor : ES26 0238 8191 8806 6000 1061
ABANCA: ES92 2080 0326 1731 1000 0035