20190228 Obradoiro EmpregoNo mes de novembro comezou o Obradoiro dual de emprego sobre Promoción turística que organizan os concellos de Negreira, Santa Comba, Val do Dubra e A Baña. Os 8 alumnos e alumnas que participan no taller ‘Xallas-Barcala-Dubra IV’ están recibindo formación teórica e práctica para conseguir o certificado de profesionalidade neste ámbito. Nos 4 meses que levan de curso, as súas actividades prácticas abarcaron dende un programa de radio, ata folletos e carteis para o entroido.

O proxecto ‘Xallas-Barcala-Dubra IV’ está levando a cabo numerosas actividades para promocionar co turismo nos concellos organizadores. Entre elas, un inventario con todos os recursos turísticos da comarca e un banco de fotos, para ter detallado cada recurso e poder explotar ao máximo o seu potencial. O alumnado pon en práctica os seus coñecementos en función das necesidades e solicitudes de concello. Os carteis e folletos do entroido de Val do Dubra e Santa Comba foron feitos por eles mesmos. A cuña publicitaria do carnaval e a programación da Festa da Filloa da Baña tamén foron obra súa.

Por outra banda, os futuros técnicos en turismo prepararon un concurso de receitas para as celebracións do entroido de Negreira. Desde este mesmo municipio retransmiten o seu programa de radio de promoción turística. ‘Viaxa con nós’ emítese todos os mércores ás 13.00 horas a través de Radio Negreira e os contidos están desenvoltos polo alumnado. Pero este non é o único medio de comunicación que dominan. Baixo o mesmo nome, o obradoiro ten perfís en redes sociais como Facebook, Instagram e Twitter. Alí é onde comparten todos os seus traballos, ademais de promocionar o turismo na zona.

Grazas a que cada alumno provén dun ámbito profesional distinto, poñen en común os seus coñecementos cos seus compañeiros. A colaboración e a iniciativa son dúas das características que mellor describen a esta promoción que se graduará o vindeiro mes de xullo. De momento, atoparanse todos os luns de 11.00 a 14.00 horas no renovado punto de información turística de Santa Comba, na Casa do Pozo.