20181212 Cartel Mercadiño Nadal Baña 940O Concello da Baña daralle este domingo a benvida ao Nadal cun amplo programa de actividades que inclúen música, maxia, un mercado outlet e de segunda man e unha nova etapa da Ruta do Románico, todo isto acompaña o mercado de Nadal que se instalará na Praza do Concello dende o mediodía.

Ás 10.00 horas sairá o autobús para visitar as igrexas de Portor, Lañas e Paramos nunha nova etapa da Ruta do Románico, durante a cal o técnico de turismo Eutropio Rodríguez explicaralles aos asistentes as singularidades de cada un dos monumentos que se van visitar.

Pouco despois, ás 12.30 horas, os profesores da Escola de Música Ramón Domínguez e Moncho Ces ofrecerán o Concerto de Nadal, primeira das actividades englobadas dentro do Mercadiño de Nadal que permitirá ver e comprar produtos de artesanía e pratos típicos destas datas. A carpa que se instalará na Praza do Concello estará aberta ata as sete da tarde, para que veciños e visitantes poidan gozar cos xogos populares e un ambiente que enche de ilusión a pequenos e maiores.

Precisamente, para a cativada está programado o espectáculo Musicreques, que dende as catro da tarde na casa de Cultura ofrecerán a representación As aventuras do Quebranoces. Pouco despois, Cayetano Lledó, cuarto finalista de maxia cómica do Campionato do Mundo celebrado en Corea do Sur, ofrecerá un espectáculo de maxia que, sen dúbida, deixará coa boca aberta os espectadores.

O apartado musical rematará coa actuación dos Campantes da Baña, pero o Mercadiño de Nadal aínda garda unha sorpresa: a visita de Papá Noel, que escoitará atentamente as peticións que lle fagan os nenos e nenas que están agardando os regalos destas datas.

Ademais, todos aqueles que teñan cousas que xa non precisen poderán levalas ao mercado outlet e de segunda man, por se a alguén lle puidese interesar.

Aquelas persoas que desexen pasar o día na Baña que non se apuren e miren con calma os postos de artesanía, de gastronomía e de agasallos. E cando a fame aperte poderán achegarse ata o polbeiro para degustar un dos pratos máis típicos de Galicia. Un amplo programa de actividades co que A Baña quere dar comezo por todo o alto as festas de Nadal.