Imprimir
Categoría: Turismo
Visto: 478

O alcalde da Baña, Andrés García, visitou hoxe na compaña do delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, os apartamentos rurais A Carballeira do Tambre, un dos establecementos aos que se pode acudir empregando o bono turístico Quedamos en Galicia.

O bono turístico é unha iniciativa da Xunta estreada o ano pasado para incentivar o turismo na nosa comunidade. Nesta edición, e coa idea de promocionar as visitas fóra da temporada alta para contribuír á desestacionalización, activouse o pasado 15 de setembro e permanecerá en vigor ata que acabe o ano o 31 de decembro. Na área de Santiago hai 114 establecementos adheridos.

A Xunta subvenciona o importe do bono cun 60% do custo, mentres que a persoa usuaria aporta o 40% restante. Unha vez concedido o bono, o beneficiario recibe no seu domicilio unha tarxeta co importe total para gastalo nos establecementos adheridos da súa preferencia. Na Baña, o único dispoñible é A Carballeira do Tambre, apartamentos que veñen de recoller recentemente o diploma SICTED que acredita a calidade turística en destino, un sistema polo que está a apostar o GDR Terras de Compostela coa idea de buscar a máxima satisfacción da clientela e ofrecer un servizo de excelencia e homoxéneo nos nove concellos rurais dos arredores de Santiago nos que traballa.