O Concello da Baña selecciona 8 voluntarios/as para apoiar actividades de recuperación da cultura/arte/tradición populares galegas no mes de agosto do 2019. Despois da experiencia destes anos anteriores coa xente que participou como voluntaria, o consistorio anima ás mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos de idade, a que participen neste proxecto que contará cunha remuneración diraria de 6 euros para cada participante.

Ao abeiro da Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil para o ano 2019 , o Concello da Baña selecciona 8 voluntarios/as para apoiar actividades de recuperación da cultura/arte/tradición populares galegas no mes de agosto do 2019.

Cada participante obterá unha dotación de 6 euros por día que exerza como voluntaria/o para gastos de manutención e transporte (cun mínimo de 6 horas ao día e por un total de 30 días). Durante o tempo de execución do proxecto, as persoas voluntarias terán cobertura dun seguro de responsabilidade civil e de accidentes. Ao finalizaren os proxectos, as persoas voluntarias que participen neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.

As persoas interesadas deberán un correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. indicando no asunto “SOLICITUDE VOLUNTARIADO NA BAÑA 2019” e cunha mensaxe que conteña o nome e apelidos, DNI, data de nacemento, domicilio, teléfono e enderezo electrónico do interesado/a (No caso dos/as menores de idade, será preciso autorización do/a pai/nai/titor/a legal).

O prazo de solicitude remata o mércores 24 de xullo de 2019.

  • Moitas familias acudiron a xantar á área recreativa Agra de Chans

  • Pequenos e maiores puideron gozar da bos música, xogos populares e pausadas conversas como nas festas de antano

20190706 ALI4933

Centos de persoas acudiron un ano máis ata a área recreativa Agra de Chans para participar na décimo oitava edición da Festa Rachada, unha iniciativa da A.C.M. Os Campantes da Baña que conseguir recuperar as festas de antano, na que a veciñanza tiña tempo para xantar todos xuntos no campo da festa, manter longas e pausadas conversas e gozar coa boa música da terra.

E vendo o ambiente que había este mediodía na área recreativa pódese dar fe de que Emilio Lois, un dos impulsores desta iniciativa, e os seus compañeiros conseguiron un dos obxectivos. Moitas familias tiñan preparadas mesas e cadeiras para gozar dun xantar campestre, outros levaron carpas ou tendían no chan algunhas mantas para sentarse. Empanadas, carne e variados menús íanse depositando nos diferentes lugares mentres ‘As chispas de Compostela’ e a Charanga Os Centenarios se encargaban de amenizar as bailas antes de xantar.

20190706 ALI4891

Pequenos e maiores puideron hoxe gozar da boa música que, xa polo serán, interpretaron os grupos Os Fondaos de Pífaro, Armadanzas de Laraño, Cé ORquesta Pantasma, Picuíña, Tanto nos ten e A requinta da Laxeira. E entre música tradicional e xogos populares todos os asistentes gozaron dun día de verán recordando y mantendo vivas as vellas costumes que nos deixaron os nosos ancestros.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

20190706 ALI4947

  • Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña

  • Os Premios Mil Primaveras, organizados pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL), outorgan a Youtubeir@s o premio ao proxecto máis innovador. Tamén premia noutros apartados a 'Modelo Burela', 'Falemos de ti e min', 'Desafío 48', 'Eu presumo de galego' e 'GCiencia'.

 

20190703 Youtubeiras

O Proxecto Youtubeir@s (organizado polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua) vén de recibir o Premio Mil Primaveras, na categoría de proxecto máis innovador. Recoñeceuno así o xurado ao ver en Youtubeir@s unha iniciativa que aborda “un medio prioritario para o futuro do idioma”, xa que a creación de contidos na nosa lingua a través da plataforma Youtube xera “unha grande atracción na xente nova”. O xurado, ademais, sinalou que o proxecto “favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en Youtube”.

Os Premio Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio. A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosa a súa gratitude por este galardón, que significa un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro. “É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo entre os servizos de normalización lingüística de trece concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña”, sinálase dende a organización ao tempo que se destaca este elemento “fortemente colaborativo dende as institucións” como “unha característica fundamental” da iniciativa.

Tal e como apunta o xurado, Proxecto Youtubeir@s representa unha iniciativa innovadora que, dende o punto de vista da organización, “conecta coa mocidade e capta a súa atención empregando os seus mesmos códigos comunicativos”, o cal significa “unha clara adaptación aos novos tempos”. Por último, a coordinación do proxecto admite que un recoñecemento como o que a CTNL lle outorga a Youtubeir@s, garante “unha gran visibilidade” á hora de achegarse a máis público.

Premios Youtubeir@s

Os Premios Youtubeir@s, unhas das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

  • As familias que educan en galego teñen unha cita o 16 de agosto na piscina de Negreira

  • O 30 de agosto Jorge Juncal e María Faltrí levarán a súa ‘Fantasía musical’ ata o campamento urbano da Baña

 

20190628 Festa Apego

O programa Apego continúa medrando na comarca de Barcala. As familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos levan  participando en actividades en galego dirixidas a ese tramo de idade desde o primeiro momento en que comezou este proxecto do que forman parte arredor de 30 concellos de toda Galicia. As accións están todas pensadas para quen queira mergullarse nunha infinidade de iniciativas para o público infantil máis novo, de maneira que permitan a socialización en galego desde as idades máis temperás

Nesta contorna, despois de divertirse coa Festa do Apego da Baña e de Negreira e coa excursión á Coruña este pasado mes de xuño, agora queda por diante, dentro do programa Ler conta moitoda Xunta, todo un abano de actividades para encher o tempo de lecer das familias.

A primeira actuación para nenos e nenas de 3 a 8 anos,Contos para un mundo mellorde Mamá Cabra, vai ser na piscina municipal ao aire libre de Negreira o 16 de agosto, ás 19.00 horas. É unha boa oportunidade para escoitar historias con música e cancións da man de Gloria Mosquera, que vai estar acompañada do violinista Harry Price. Os contos teñen unha temática variada e pretenden facer reflexionar a rapazada sobre a importancia da empatía, da prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como mecanismos necesarios de paz e felicidade.

Despois tocaralle o turno ao espectáculo Fantasía musicalde Jorge Juncal e María Faltri, encadrado dentro do campamento urbano, na área recreativa de Chans, o 30 de agosto, ás 12 h. Trátase dunha festa musical coas letras do abecedario; pop, hip hop, rock and roll e swing mesturados con textos para achegar a poesía a rapaces e rapazas de 3 a 11 anos. Este é un concerto dinámico, que pretende conseguir moita interacción co público e onde van aparecendo diferentes personaxes moi divertidas en cada canción.

O 13 de setembro, ás 17.30 h, na casa da cultura da Baña, a obra Somos iguaisde Raquel Queizás, dirixida a crianzas de 3 a 12 anos, tratará a igualdade e a violencia de xénero. Queliña, a protagonista, quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras, contar historias e como está farta de escoitar contos de apoucadas princesas rosas e de insensibles príncipes azuis, decide poñer o gorro de piloto e ir buscar outros contos que demostren que as nenas e os nenos son igual de valentes e de sensibles.

As dúas seguintes actuacións van dirixidas a bebés de 0 a 3 anos. Comezará Xarope Tulú coa súa obra Bichocasna entrada do centro sociocultural de Negreira o 24 de setembro, ás 17.30 horas,e continuará Migallas Teatro con Os contos do chupetena casa de cultura da Baña o 27 de setembro ás 17.30 h. No primeiro, as protagonistas de Bichocas aprenderán a posibilidade de compartir coas demais persoas os seus afectos nun espectáculo onde os obxectos e a palabra fan viaxar a través do mundo animal; e no segundo, integrarán música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral co fin de que a cativada poida chuchar contos, cancións e arrolos ata encher a barriguiña.

Deseguida, ás 17.30 h, o 1 de outubro, a diversión chegará da man de Celtia Figueiras ao centro sociocultural de Negreiracoa obra, dirixida a menores de tres anos, U-la lúa?É unha versión reducida con monicreques na que a igualdade e a non violencia son os alicerces da historia. As personaxes mostran realidades como a negación do pleno desenvolvemento de nenos e nenas como persoas ou a non consecución dos seus soños. A protagonista, a gatiña Lúa, é un exemplo de constancia e de valentía para todas as crianzas.

A próxima obra vai para a Escola infantil municipal de Negreira; alí o seu alumnado poderá pasalo ben con A alfombra máxicade Teatro Babaluva o 10 de outubro, ás 11.30 h.Esta alfombra é un lugar de libre experimentación, táctil, sonora e olfactiva onde a cativada poderá mergullarse nunha viaxe sensorial e descubrir o pracer de apalpar, escoitar, ver… É unha invitación a xogar e experimentar con todo o corpo.

E finalmente, polo de agora, o 25 de outubro, ás 17.30 h chegará á casa de cultura da Bañao espectáculo Contos que veñen e vande Pavís Pavós cheo de historias de medo, amor, sorpresa, de xigantes e de ananos, bruxas e trasnos, apócemas máxicas, viaxes marabillosas, princesas e dragóns que veñen voando, que se pousan nas orellas e que entran para, logo, seguir o seu camiño.

Con esta manchea de actuacións, a cativada da comarca de Barcala poderá seguir alimentando os seus soños, a súa imaxinación, o seu orgullo, a súa identidade… e mamando a nosa lingua que lles axudará a crear vínculos coa familia e coa veciñanza.

20190625 ALI4840

A Escola de Música Municipal da Baña pechou onte o curso 2018-2019 cun festival de verán no que o alumnado foi quen de entusiasmar ao público presente no auditorio, que aplaudiu con ganas durante as 28 actuacións, na que nenas e nenos foron quen de amosar os seus avances este ano. O alcalde, José Antonio Pereira, agradeceulle aos sete profesores a súa implicación e animou ao alumnado “a seguir traballando o curso que ven para que poidamos gozar no próximo festival”. Pereira Gil tamén tivo palabras de recoñecemento para todo o traballo feito para que a Baña conte cunha escola de música, dun “xeito especial a Alicia Blanco”, a anterior concelleira de cultura, presente entre o público.

O director da escola, Ramón Leis, reiterou en varias ocasións os avances dos 60 nenos e nenas que acoden a escola e animounos a seguir formándose e traballando, ao tempo que amosou o seu desexo de “recuperar a banda de música da Baña, algo cada vez máis factible vendo os avances deste xoves músicos”, lles dixo ás familias. No mes de setembro, Ramón Leis volverase a poñer en contacto coas familias para informar nas novidades do vindeiro curso escolar 2019-2019, que comezará o 1 de outubro.

20190625 ALI4766

O festival de verán contou con 28 actuacións, na que individualmente ou en grupos, todo o alumnado amosou os avances que conseguiu este curso interpretando diferentes pezas. Houbo ata quen tivo que estrear instrumento, despois dun percance co seu. Neste festival escoitáronse pezas de moi diferentes estilos, dende música de cine (Star Wars, Superman, Titanic ouPiratas del Caribe), clásica (Mozart), rock  (Yesterday, Sweet Child O’Mine) e de debuxos animados (Pantera Rosa),entre outros.

Ao rematar o concerto, alumnado, profesorado e familias compartiron uns petiscos para repoñer forzas.

Podes ver o álbum de fotos do festival de verán no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

 

20190625 ALI4773