Imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visto: 2119

20190916 ALI8668

Recuperar a Banda de Música da Baña xa este ano, dotándoa dunha canteira con xente moza e “gañar a confianza do alumnado para que aprendan divertíndose” son dous dos obxectivos do novo director da Escola Municipal de Música da Baña, Martín Pose Pérez, que onte presentou ao novo equipo docente e o programa de actividades ás familias nunha reunión das instalacións do centro. O prazo de matrícula permanecerá aberto esta semana e o vindeiro luns, día 23, comezan as clases.

“Nesta primeira etapa queremos enfocar a Escola de Música máis a formar unha canteira de xente moza para a banda, dándolle máis importancia aos instrumentos de vento que a música moderna”, sinala Martín Pose. Hai veteranos que formaron parte da desaparecida Banda de Música da Baña que xa “manifestaron a súa intención de apostar por este proxecto” e están dispostos a incorporarse a banda, aportando experiencia, engade Marcos Cernadas, un mozo da Baña que vai ser profesor de vento madeira nesta nova etapa.

Martín Pose vai dirixir un equipo de seis profesores, dos que catro son novos. Ademais de Marcos Cernadas, incorpóranse á Escola Municipal de Música da Baña Pablo Terraga, que será o mestre de guitarra; Rubén Salvande (impartirá vento madeira e música e movemento) e Sergio Suárez (percusión). Xunto a eles continúan Moncho Ces (linguaxe musical e vento metal) e Ramón Leis, anterior director e que seguirá como profesor de piano e acordeón.

Nesta primeira fase, Martín Pose centrarase en tarefas de coordinación e organización, e en poñer en marcha banda. A súa intención e “facer xa os primeiros ensaios antes de que remate este ano” para, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas “ser quen de tocar o himno galego”, e ofrecer un festival no mes de xuño que sirva de presentación pública da Banda de Música da Baña. Unha agrupación que estivo en activo vinte a cinco anos e que desapareceu a principios deste século.

Tanto Marcos Cernadas como Rubén Salvande, ambos da Baña, están convencidos de que moitas das persoas que formaron parte da banda están dispostos a incorporarse ao novo proxecto, aportando a súa experiencia á nova agrupación.

Con este obxectivo prioritario, o novo director da Escola Municipal de Música quere darlle máis prioridade aos instrumentos de vento (para facer canteira para a banda) que a música moderna. “Cando haxa canteira para a banda abriremos a oferta a materias como canto ou violín pensando en poder montar un grupo de música de cámara, e, máis a longo prazo, un combo de música moderna”.

Na Escola Municipal de Música da Baña “seguiremos formando aos alumnos que queiran acceder ao conservatorio cunha preparación específica, para que poidan continuar cos seus estudos musicais e superar os exames de acceso”. Co resto de alumnado seguiráselles a ofrecer unha ampla formación musical “e gañando a súa confianza para que se divirtan coa música e sigan aprendendo”, sinala o novo director.

20190916 ALI8673

Clases tres días a semana

Martín Pose Pérez, que actualmente é o responsable das escolas de música de Val do Dubra e Santa Comba, conta con sete anos de experiencia docente en escolas de música.

O novo equipo de profesorado e a concelleira de Cultura, Mónica González, mantiveron onte pola tarde unha reunión informativa coas familias para explicarlles os novos obxectivos da Escola Municipal de Música e empezar a escoller horarios.

Unha das novidades é que este ano as clases impartiranse durante tres días a semana, luns, mércores e venres, en función das disciplinas e instrumentos elixidos polo alumnado. Tras a primeira toma de contacto e coñecer aos novos profesores, moitas das familias xa comezaron a escoller os horarios para o presente curso escolar.

20190916 ALI8680

Inscrición ata o día 23

Durante toda esta semana estará aberto o prazo de matrícula para a Escola Municipal de Música da Baña, que comezará as clases o vindeiro luns, días 23.

Os formularios de inscrición pódense descargar na web do Concello da Baña (inscrición adultos aquíinscrición infantil aquí, e domiciliación bancaria aquí).Unha vez cubertos, hai que entregalos nas oficinas municipais ou na sede electrónica do concello (neste enlace).

Na escola de música poden matricularse todas as persoas interesadas maiores de 3 anos de idade (tamén os adultos) en algunha das seguintes especialidades: percusión, saxofón, frauta, clarinete, trombón, trompeta, tuba, bombardino, piano, guitarra, acordeón e música e movemento.

Os prezos establecidos son de 10 euros/mes para música en movemento (nenos de 3 a 6 anos) e de 20 euros mensuais para o resto de especialidades. En todos os casos, para o segundo e seguintes membros dunha mesma unidade familiar haberá un desconto do 50%.