20190605 ALI3988

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o de Medio Rural, José González, confirmaron esta mañá na súa visita á Baña que a escola de educación infantil de Lañas incorpórase aos colexios rurais agrupados coa súa inclusión no CRA de Coristanco e Santa Comba.A asociación destas tres institucións supón a súa dirección e coordinación de maneira conxunta, o que permitirá a rotación de docentes entre os centros, proporcionando un maior número de especialistas en cada área de estudo. O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, destacou a importancia de manter a educación de calidade no rural, nun acto no que se deron cita representantes dos 27 CRAs que hai en Galicia.

O acordo representouse cunha recepción na escola de Lañas, na que se deron cita, ademais de Carmen Pomar, José González e Andrés García Cardeso, as alcaldesas da Santa Comba, María Pose, e a rexedora en funcións de Coristanco, Clarisa Couto, así como representantes e mestres dos CRAs de Galicia.

Emilio Lois foi o encargado de dar a benvida con música galega aos conselleiros, que despois visitaron ás distintas aulas da escola de Lañas, durante a cal Carmen Pomar compartiu un momento ca cativada do centro educativo. Andres García destacou a relevancia de manter as instalacións educativas do rural, destacando que son “o seu “futuro”. A voz do claustro púxoa a directora do CRA de Tui e Premio Nacional de Educación no 2017, Teresa Domínguez, que recitou un poema dedicado á ensinanza rural, “Debullando sentimentos de CRA”, que os dous conselleiros levaron enmarcado como agasallo.

20190605 ALI3995

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, salientou a importancia desta fusión na medida en que permite aproveitar sinerxías en canto á planificación da actividade educativa e organización de recursos que redundan nun servizo educativo de máis calidade. Así mesmo, fixo fincapé no papel dinamizador e de cohesión do territorio que exercen as escolas de Educación Infantil e os Colexios Rurais Agrupados nas zonas onde se insiren, así como no excelente labor que están desenvolvendo os docentes que traballan nestes centros dispersos por aldeas e parroquias de toda Galicia.  

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, resaltou a importancia da formación, non só na etapa infantil, senón tamén a nivel profesional. Neste sentido, José González lembrou que na última década un total de 1.220 persoas cursaron diferentes ciclos formativos ordinarios da familia profesional agraria nos distintos centros de formación e experimentación agroforestal que ten a Consellería do Medio Rural. 

Os CRAs son centros educativos onde, principalmente, se imparte educación infantil e que se reparten entre varias parroquias, aínda que contan cunha dirección central, normalmente a do centro de maior relevancia do concello ou concellos. Neste caso, o CRA estará formado por oito escolas: catro en Coristanco, tres en Santa Comba e a de Lañas na Baña, aos que asisten 80 nenos e nenas. O acto rematou con todos os asistentes compartindo uns petiscos con produtos galegos que trouxeron os profesores e representantes de todos os CRAs presentes.

Esta fusión lévase a cabo atendendo á petición expresa das direccións de ambos CRAs, así como da escola infantil de Lañas, que foi referendada polos claustros dos tres entes, polos seus respectivos consellos escolares (onde están representadas as familias) e co apoio dos concellos de Santa Comba, Coristanco e A Baña. 

Actualmente en Galicia existen un total de 27 CRAs (incluído o resultante desta fusión) que aglutinan a preto de 2.200 alumnos e alumnas, aos que hai que engadir unhas 88 escolas unitarias que suman uns 1.000 máis. 

Máis fotografías do acto no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

20190605 ALI4043