20190425 Cartel Dia Do LibroO vindeiro venres 26 de marzo, o Concello da Baña celebra o IX Maratón de contacontos. Con motivo do Día do Libro, a Casa da Cultura bañense acollerá a novena edición deste acto, que estará acompañado pola actuación da ratiña Lilí Ruyère de Lonxetodo. A xornada rematará co reparto de libros gratis da Campaña “Libros para sermos libres”.

Este venres, a partir das 17.00 horas, o Concello da Baña levará a cabo as celebracións con motivo do Día do Libro. Por noveno ano consecutivo, a Casa da Cultura acollerá o Maratón de Contacontos en galego, que se está a afianzar ano a ano gracias a todas as familias que se animan a participar narrando os seus contos favoritos. Como nas edicións anteriores, os colaboradores terán un libro infantil de agasallo.

Unha vez rematado o maratón, a ratiña Lilí Gruyère de Lonxedetodo visitará A Baña. O seu contacontos teatral chegará ás 18.30 horas para aprender aos asistentes un montón de coñecementos que van espertar a curiosidade da cativada.

 
Para rematar esta xornada, arredor das 20.00 h, todas as persoas que se acheguen pola entrada da Casa de Cultura poderán levar libros de agasallo dentro da Campaña "Libros para sermos libres", que se desenvolve dende a área de cultura e normalización lingüística da Deputación da Coruña.