20181230 ALI9609

 

Agrupacións de música tradicional da Baña, Frades, Rianxo, Santiago e Vedra animaron onte o ambiente da Baña ao ritmo de pandeiretas, gaitas e tambores durante a Troula de Nadal, que xuntou a moitos veciños e visitantes nas instalacións da escola de música (antigas escolas vellas) para pasar unhas horas de lecer. Organizado polo Concello da Baña e ACM Os Campantes da Baña, houbo ata quen se animou a bailar.

Os máis aplaudidos foron os nenos e nenas que están comezando ás tocar a gaita na Escola de Música Tradicional da Baña. Sobre o escenario amosaron que a música tradicional ten futuro na Baña, despois de interpretar varias pezas xunto co seu mestre, Emilio Lois, a quen ao rematar lle entregaron un bonito que acabou emocionando ao líder dos Campantes da Baña e mestre en outras agrupacións de música tradicional da contorna de Santiago.
Os adultos que están aprendendo nesta escola a tocar a pandeireta e a gaita non dubidaron en subirse ao escenario para animar unha velada que tiña como obxectivo despedir o ano con boa música, mellor humor e poñendo en valor a tradición cultural da nosa terra.
As Pandereteiras da Baña, o grupo de gaitas do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia (Santiago), as Dedaleiras de Sarandón (Vedra), Vai de Roda (Rianxo), e Sarillo de Aiazo (Frades) foron as outras agrupacións que animaron coa súa música unha tarde na que gozaron maiores e pequenos.

Podes ver o album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

 20181230 ALI9630