20180811 IMG 20180810 WA0125Os deportes minoritarios, e aqueles pouco coñecidos no noso país, foron esta semana os protagonistas no Campamento Urbano da Baña, que se está a desenvolver na área recreativa Agra de Chans. Grazas ao esforzo dos monitores e voluntarios de diferentes clubes, as nenas e nenos que asisten a este campamento puideron coñecer e practicar floorball, acrosport, korfbal, ping pong, voleibol, fútbol gaélico, béisbol, fútbol americano ou kárate.

A coordinadora do campamento, Luciana García Freita, destacou o “gran entusiasmo dos rapaces e rapazas, que lles permitiu descubrir outros deportes divertidos e cheos de posibilidades, máis aló do fútbol, baloncesto, ou tenis, que tamén lles gustan moito. Ademais, puideron descubrir que estas novas disciplinas deportivas se lles dan bastante ben”, engade.

Durante este días, os monitores dos campamento fixeron un esforzo adicional para que esta nova experiencia fose agradable para os participantes no campamento, “aproveitando recursos propios e elaborando material necesario para que se puidese desenvolver cada deporte coa súa indumentaria, regras e fin adecuado”, sinala Luciana García.

Os monitores tamén contaron coa colaboración de representantes dalgúns dos clubes da contorna que practican estes deportes. Así, ata a área recreativa Agra de Chans achegáronse membros da Agrupación Deportiva do Coto, de kárate, de Negreira; do Club de Béisbol e Sóftbol Os Tilos e do Santiago Black Ravens FA, de fútbol americano.

Ademais dos deportes minoritarios, os xogos tradicionais tamén tiveron cabida esta semana no campamento urbano da Baña. Nenas e nenos saltaron á corda, xogaron á petanca, á Mariola ou cas buxainas durante estes últimos días.

Os nenos e nenas de 3 a 12 anos que participan no campamento urbano da Baña teñen aínda ata o 31 de agosto para gozar cun amplo e variado programa de actividades.

Podes ver un álbum de fotos, que resume toda a semana, no facebook do Concello da Baña (preme aquí).

20180811 IMG 20180810 WA0081