• Esta enxeñeira de montes retrata un sector forestal “moi masculino” no que cada vez hai máis mulleres “pero non integradas en todo o proceso”

  • “As mulleres non precisamos unha protección extra; só esiximos respecto e igualdade”, asegura no vídeo publicado polo Concello da Baña

 

“A fenda de xénero que existe nas ciencias e nas enxeñarías é importante. A falta de referentes femininos non axuda a que as mulleres nos decantemos por este tipo de carreiras”. Quen así fala é Verónica Liñares, enxeñeira de montes e veciña de Ordoeste que protagoniza a sexta entrega da serie audiovisual A Baña en feminino, coa que o Concello busca darlle visibilidade á muller no rural.

Verónica retrata un sector forestal “moi masculino”. “Aínda que cada vez hai máis mulleres, aparecen en certas partes da cadea, pero non están integradas en todo o proceso”, engade. Esta moza de 30 anos cualifica como “positiva” a súa experiencia con homes ao seu cargo, se ben “percibes que a forma de tratarte dista un pouco de como se trata a responsables masculinos”.

No ámbito doméstico, Verónica tivo “a sorte de nacer nunha casa chea de mulleres, polo que non vivín diferenzas canto á crianza”. Porén, di ser consciente de que existen outras situacións nas que se dan “diferenzas nas tarefas e nos horarios de entrada e saída ou unha protección extra ao xénero feminino”, algo que rexeita. “As mulleres non necesitamos unha protección extra, só esiximos respecto e igualdade”.

No profesional e no público, Verónica denuncia que “a voz que máis se escoita segue sendo a masculina”. “Só temos que fixarnos na cantidade de asociacións de montes que están creadas por homes, asociacións de veciños formadas na súa maioría por homes e mesmo asociacións de empresarios. Na Baña temos unha de recente creación onde todos os compoñentes da directiva son homes”. Verónica Liñares reclama un cambio neste rol de “homes nas reunións e mulleres na casa”. Tamén de cara ao futuro, coida que “é importante educar aos nenos e ás nenas en igualdade”, tanto na casa como na escola, e desenvolver ferramentas para traballar a igualdade desde a administración local e desde as propias empresas.

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se están a publicar na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano.  A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais. Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar. Na mesma liña, coincidindo co Día do Libro o pasado 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela abogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.  

Bana Feminino 06 Veronica Linares03