• A gañadora do último premio Álvaro Cunqueiro de teatro sinala que seguen sendo os homes quen deciden o que se publica

  • Pide que se facilite o acceso á lectura no rural

 

 As mulleres poden gañar certames literarios porque se presentan dende o anonimato, aí non hai diferenzas. Pero non teñen as mesmas opcións cando chaman á porta dunha editorial para publicar, porque as mulleres estamos fóra do circuíto. E, se escribes literatura infantil ou xuvenil, aínda bueno, pero non se che ocorra escribir ensaio, que é cousa de homes, ou columnas de opinión nos xornais”. Así o sinala Carme Varela, gañadora hai só uns meses do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na súa vixésimo quinta edición coa súa obra ‘As desterradas’.

Carme Varela, nada e residente en Duomes de Arriba, na parroquia bañense de Sanamede do Monte, protagoniza neste 23 de abril, Día do Libro, a cuarta entrega de A Baña en feminino, serie de vídeos que, a razón dun por mes, amósannos durante todo este ano cal é o papel que representan as mulleres nunha contorna rural como a bañense en diferentes profesións.

Para Carme, quen recoñece que “desgrazadamente queda moito por andar en temas de igualdade”, a boa nova “é que estamos no camiño”. Na literatura, que hoxe celebramos, coida que o gran problema para que as mulleres teñan as mesmas oportunidades é que “tanto os críticos literarios como os catedráticos de literatura, que son quen fan o cribado do que se publica, son homes e ven o mundo cos ollos dun home, polo que os temas que lles preocupan ás mulleres van quedando de lado”. Outro problema, xa máis xeral, “é o acceso á cultura no mundo rural”. “Hai que ter unha biblioteca próxima, porque a lectura é o que alimenta o escritor”, sostén.

En clave de solucións, insiste Carme Varela en actuar en tres direccións. A primeira “é traballar na infancia coas nenas e cos nenos, mesmo máis con estes, porque non hai igualdade se eles non participan”. A segunda, é lograr que a mocidade goce das mesmas oportunidades reais para desenvolverse profesionalmente. E, por último, distribuír con equidade o papel de coidadores entre homes e mulleres. “Unha cousa brutalmente necesaria é descargarnos ás mulleres da pesada cargada dos coidados. É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliña a filóloga e escritora.

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se publican na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano. A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e os avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclama “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais. Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.

Baña Feminino 04 Carme Varela4 web