• O mozo filloeiro protagoniza o vídeo de febreiro de ‘A Baña en feminino’, iniciativa do Concello para reflexionar sobre a igualdade de xénero no rural
  • Reclama a necesidade de buscar mecanismos para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes

 

O mozo bañanse Carlos Sande Manteiga, que participa dende hai varios anos como filloeiro na Festa da Filloa da Baña, é o segundo protagonista da serie ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello bañense convida a reflexionar sobre o papel da muller e a igualdade de xénero nun contexto rural. Carlos participa na iniciativa co desexo de “contribuír a visibilizar o papel da muller na sociedade”, un labor que coida que teñen que desempeñar tanto homes coma mulleres.

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se publicarán na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano, a razón de un por mes.  A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e os avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

Agora, en febreiro, é un home novo o que razoa en voz alta sobre a necesidade de buscar entre todas as persoas, con independencia do seu xénero, as “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais.

Carlos Sande, que se desenvolve nun contexto feminino como é o das filloeiras, incide en actitudes como a de asociar un mandil a unha muller, micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos. Cre este rapaz de Ordoeste que a desigualdade se agrava en contornas rurais, máis tradicionais e nas que as mulleres adoitan estar dedicadas ás tarefas domésticas e aos coidado.

20210213 Carlos Sande Manteiga Bana Femino