Os Reis Magos acudirán como cada ano á Baña na tarde do 5 de xaneiro para coñecer os desexos de todos os nenos e nenas do municipio, que poderán ver as Súas Maxestades no pavillón de San Vicenzo.

Por causa do coronavirus, a recepción real será este ano un pouco diferente. Os pequenos e pequenas entrarán no polideportivo en tres quendas, establecidas polas parroquias das que proceden. Así, na primeira queda, que comezará ás cinco da tarde, poderá acceder ao pavillón a rapazada de Troitosende, Fiopáns, Lañas e San Cibrán. A continuación, ás seis, entrarán os nenos e nenas de Corneira, A Riba, Ordoeste, Cabanas, Suevos e Ermida. Por último, ás sete, farano os cativos e cativas da Baña, Monte, Marcelle, Barro e Barcala.

O acceso ao polideportivo farase respectando a distancia e as medidas de seguridade. Na porta establecerase tamén un control de temperatura. Xa dentro do recinto, a cativada non poderá sentarse no colo dos Reis, aínda que si falar con eles gardando unha distancia axeitada e recibirá tamén un pequeno agasallo.

O Concello da Baña prega que se observen os horarios de acceso establecidos e se garden as medidas de seguridade. No pavillón, persoal municipal velará polo cumprimento das normas para que as familias poidan desfrutar con tranquilidade dunha tarde máxica.

Espectáculo para público familiar

Antes da chegada dos Reis Magos, o polideportivo de San Vicenzo encherase de maxia, teatro e circo co espectáculo Chop! de Teatro ao Cubo. A entrada é gratuíta pero, por motivos de aforo, as persoas interesadas en asistir terán que facer reserva chamando por teléfono ou mandando un guasap ao número 607 153 604. Dará comezo ás catro.