20200925 Aldaolado webO dúo poético-musical Aldaolado, formado por María Lado e Lucía Aldao, presenta este venres na Baña o seu espectáculo Po e Xía, un recital no que as súas protagonistas contan a grande aventura que as levou a converterse en poetas. Con este evento o Concello da Baña retoma a programación cultural que quedara suspendida pola incidencia do coronavirus, á vista da boa evolución da situación sanitaria no municipio.

A actuación de Aldaolado terá lugar no centro social e da terceira idade da Baña o venres 25 de setembro, ás seis da tarde. Está indicada para crianzas a partir dos 6 anos e, de feito, inclúese nas sesións de contacontos do programa Apego que o Servizo de Normalización Lingüística organiza habitualmente para as tardes dos venres. O espectáculo forma parte do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

María Lado e Lucía Aldao convértense en Po e Xía, dúas amigas moi fedellas que sempre andan a tramar aventuras disparatadas. Este recital-conto feito con moito sentido do humor e aderezado con cancións procura ser o primeiro achegamento á poesía para público miúdo.